Servizo Axuda a Domicilio

Para o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes resulta inconcibible que na licitación do SAE apareza un gasto anual estimado de 1,5 millóns, importe que non chega nin para pagar as nóminas do persoal subrogado. Efectivamente, a devandita cantidade tan so chegaría para facer os pagos á seguridade social tal e como se desprende dos datos do tc 2 da anterior empresa con 120.835,61 € mensuais.

Actualmente traballan 224 persoas que terían que ser subrogadas, cunha simple operación aritmética observamos que de media mensual correspondería a cada persoa 478 € segundo o gasto estimado de 1,5 millóns de euros que reza no DOG nº 237, cantidade que non chegaría nin para cubrir o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) que na actualidade está fixado en o 641,40 euros/mes, e iso sen facer fronte as cotizacións a seguridade social.

Esquerda Unida teme que o concurso quede deserto e o concello non poida ofertar á veciñanza o Servizo de Axuda a Dependentes. Porque o presente concurso e para atender tanto o SAD básico, como o de Dependentes, o de urxencia e o sociofamiliar. Así pois atopámonos diante dunha situación moi preocupante, pois sería gravísimo que nestes momentos de profunda crise económica onde o envellecemento da poboación fai cada vez máis necesarios este tipo servizos o concello da Coruña non os puidese atender.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “pediremos explicacións á concellería de servizos sociais pois o anuncio do DOG leva a equívocos, provocando perda de interese das empresas por acceder a esta concesión”, porque ademais do pago de nóminas de persoal os pregos de condicións, con boa lóxica, obrigan a dispor dun local no municipio dotado dos medios telemáticos necesarios, así como un seguro de responsabilidade civil e a entrega aos traballadores e traballadoras de uniformes, guantes, zocos e calquera outro material necesario para que poidan exercer correctamente o seu traballo.

Relacionados