Servizo de bombeiros

Esquerda Unida entende que a primeira cuestión que temos pendente – logo da decisión do concello de Narón – é a de garantir que os postos de traballo creados no mandato pasado non se destrúan. Pedímoslle ao PP responsabilidade e non demagoxia, seguridade e non localismos.

Os bombeiros son todos necesarios e sería unha irresponsabilidade do Goberno do PP se tentase facer economías a costa de seguridade da nosa veciñanza. Este Grupo considera necesario que o Goberno Municipal clarexe diversas circunstancias sobre unha prestación de servizos posta en cuestión de xeito público, e no entanto garanta que todos os bombeiros van seguir desenvolvendo un traballo necesario.

A mellora das dotacións materiais que hoxendía faltan, caso do vehículo escaleira, ou a cuestión dos efectivos esixen coñecer con informes a situación real do grao de cumprimento do servizo. Queremos coñecer o informe do concello de Narón en relación con estas insuficiencias. E queremos coñecer o escrito desta alcaldía de data 16 de xullo de contestación.

Nós non apoiamos no seu día unha fórmula que nos parecía apenas un compromiso oneroso para Ferrol e no que a Xunta de Galicia, en mans do PP eludía as súas responsabilidades: as de ser o elemento clave para comarcalizar verdadeiramente o servizo, achegando recursos públicos tanto Xunta como Deputación.

Esquerda Unida insta á alcaldía a dirixirse a Xunta de Galicia para que esta institución asuma as súas responsabilidades públicas para coa seguridade da nosa veciñanza. Prazos, orzamento e procedementos teñen que acordarse a pautarse para darlle unha resposta definitiva e solvente a un servizo básico.

 

 

 

Relacionados