Servizo de dependencia

Esquerda Unida alerta da inseguridade que sofren os dependentes debido aos continuos cambios sen aviso das auxiliares. Cabe lembrar que moitos dos dependentes do servizo municipal son persoas maiores. De todos é sabido que a estabilidade é fundamental para mellorar a calidade de vida na terceira idade, polo que semella necesario crear os vínculos elementais entre a persoa que presta a axuda e o propio dependente. Neste sentido o primeiro paso para que a persoa maior teña seguridade e que recoñeza a faciana da persoa que presta o servizo. Algo que non está a acontecer na actualidade debido ao constante baile de auxiliares que van aos domicilios dos usuarios, os cambios prodúcense sen previo aviso e ademais aparecen nos domicilios sen acreditación algunha. Véndose o dependente na obriga de confiar nunha persoa que non coñece, esta actitude está a provocar que os usuarios teñan que permitir a entrada na súa casa de persoas estrañas, o que somete aos dependentes ao risco de roubos.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que a desastrosa xestión de Ingesan afundirá o servizo de axuda a domicilio a dependentes si o concello non actúa con contundencia, a alarmante falta de coordinación, tamén está a provocar a ausencia de auxiliares nalgúns domicilios e a duplicidade noutros debido a que a empresa é incapaz de xestionar nin tan sequera uns cuadrantes axeitados para dar un servizo cunha mínima calidade. A situación é tan grave que se non fose polo responsabilidades das auxiliares o servizo estaría colapsado diante da ineficacia e avaricia dunha empresa que so se preocupa da súa conta de resultados e que en lugar de xestionar está a recortar medios e despedir persoal.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “diante das grandes eivas no servizo, esiximos ao goberno municipal unha intervención urxente para evitar o sufrimento dos nosos maiores e dependentes porque o seu coidado require do máximo esforzo dos poderes públicos”. O goberno local, en cumprimento coas súas obrigas e responsabilidades, debe activar os mecanismos necesarios para resolver esta situación. Porque no caso de non actuar será cómplice e responsable final das eivas que se están a producir diante da incapacidade de xestión da empresa porque o contrato coa concesionaria non é un cheque en branco que permita facer e desfacer á adxudicataria o que lle veña en gana, nin é un colchón de descanso para o goberno municipal, polo que esiximos un control exhaustivo e un seguimento adecuado do SAD por parte do Concello.

Relacionados