Na presentación do día 6 de maio na Casa das Asociacións xa botamos en falta unha información máis detallada do servizo, xa que no díptico alí facilitado faltaban numerosos aspectos por clarificar:
1) obxectivos detallados do servizo;
2) tipoloxía dos conflitos aos que pode atender e a cales non (nese momento agardamos a que o dito na nota de prensa elaborada polo gabinete do Concello o 5 de maio na que se anunciaba a creación do servizo fose un lance entusiasta, xa que un servizo de mediación non debería dedicarse a resolver “calquera conflito”);
3) a composición do equipo de profesionais que se dedicarán ao servizo;
4) a creación de talleres de formación para a veciñanza.
Este consello comarcal decidiu agardar. Pero 20 días despois atopámonos coa mesma carencia informativa. De feito, na propia web do concello, na pestana de Consellaría de Participación Cidadá e Normalización Lingüística non vemos ningún tipo de enlace ao CEMMCI e baixo a pestana “Servizos” só figura un enlace a “Educación”. Hai que ir á pestana de Servizos Municipais e despois á de Servizos Xerais e logo á de Participación Cidadá para atoparse cun enlace ao CEMMCI. O que demostra que a web do Concello non é un remanso de claridade informativa, todo o contrario. Neste caso, falta circularidade informativa. O peor de todo é que ao acceder á información… atopámonos coa mesma nota de prensa do 5 de maio, pero desglosada en apartados. Nada máis.
Esquerda Unida Compostela solicita que se dixitalice e virtualice xa esa información para que calquera persoa que acceda á web do concello saiba cales son as características reais do servizo, xa que hai certo tipo de conflitos que un servizo coma este non debe tratar.