Servizo promoción saúde sexual

A OMS estima que as prácticas sexuais sen protección constitúen o segundo factor de risco máis importante para a saúde das persoas no mundo, de feito, os aspectos relacionados coas carencias en saúde sexual e reprodutiva representan, no seu conxunto a nivel mundial, en torno ao 20% da carga de atención sanitaria en mulleres e o 14% en homes.

En España os datos relativos a infeccións por VIH son alarmantes. No último ano de referencia (2011) rexistráronse 2763 novos diagnósticos (segundo datos dispoñibles en 17 CC.AA), dos cales sábese que polo menos un 53,6% correspóndense con infeccións en HSH (Homes que teñen Sexo con Homes). Neste grupo de poboación a incidencia por VIH aumentou drasticamente nos últimos anos, incrementándose a taxa de novos diagnósticos en torno a un 20% en tan só catro anos. Estes datos son opostos aos Obxectivos do Milenio para 2015, que establecen como unha meta a alcanzar a redución á metade dos novos diagnósticos de VIH no mundo.

A incidencia doutras ITS (Infeccións de Transmisión Sexual) tamén vai en aumento nos últimos anos, tanto en poboación xeral como no grupo de HSH, segundo datos do Sistema EDO de vixilancia epidemiolóxica de referencia para ITS. En todo caso a incidencia é moito maior en HSH que no resto de grupos de estudo, xa que constitúen 3 de cada 4 novos diagnósticos de Sífilis e 1 de cada cada 2 novos diagnósticos de Gonococia.

Estes preocupantes datos relativos á saúde sexual en HSH son consecuencia directa da inacción dos poderes públicos e a súa falta de responsabilidade á hora de atallar un problema de saúde pública, neste caso no marco da atención á saúde en HSH. Sen dúbida, esta problemática vese favorecida polas carencias en materia de educación sexual, que en España se ve relegada ao ámbito da educación non formal a través de intervencións puntuais, en contra do establecido na lexislación vixente en materia de saúde sexual e reprodutiva.

As drásticas medidas que está a adoptar o Goberno central en materia de saúde pública non contribúen a mellorar esta situación. As restricións á atención sanitaria da poboación inmigrante ilegalizada constitúen unha medida contraria a calquera principio de saúde pública, en canto á desatención deste segmento da poboación repercutirá directamente na saúde e calidade de vida do resto da poboación. Neste sentido GESIDA alerta de que, a raíz desta medida, as novas infeccións por VIH en España poderían incrementarse entre un 10% e un 20% de forma anual, e poderían producirse entre 27 e 50 mortes de persoas VIH só no primeiro ano.

O Goberno central tamén é responsable da desarticulación do Plan Nacional sobre a SIDA, ao suprimir a dotación orzamentaria correspondente, o cal deixa sen financiamento ao Plan Multisectorial, imposibilitando así o seu cumprimento. A consecuencia directa desta drástica medida é a desatención das persoas portadoras de VIH e enfermos de SIDA, posto que as ONG’s que viñan prestando as atencións máis básicas non contan con recursos para o seu sostemento e están abocadas a desaparecer, deixando á súa sorte á poboación que viñan atendendo.

O copago sanitario sería outra das medidas que atentan contra a saúde sexual, posto que supón a privación das persoas con menos recursos no acceso aos fármacos e produtos sanitarios máis básicos para o coidado da saúde sexual. En especial, vense afectados por estas medidas os pacientes VIH en relación á adquisición de fármacos de dispensación hospitalaria.

Non máis alentadoras son as cifras de embarazos non planificados e IVEs (Interrupción Voluntaria do Embarazo) nos últimos anos en España, onde a cifra de abortos non parou de incrementarse ano tras ano, chegando a falar de máis de 120.000 mulleres que durante o pasado ano acudiron a interromper o seu embarazo. Este dato non é senón síntoma de que as mulleres en España non contan coa información e recursos esenciais para unha adecuada anticoncepción e prevención de ITS. Segundo datos da VII Enquisa Bayer de Anticoncepción en España, un 6% das enquisadas declararon non usar nunca ningún tipo de método de prevención nas súas prácticas coitales, e, segundo datos do INJUVE, para o 12% das mozas españolas a “marcha atrás” é a solución anticonceptiva á que recorren habitualmente.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- Creación dun servizo municipal de promoción da saúde sexual, dotándoo dos medios necesarios para o seu adecuado funcionamento. Este servizo debería contar como mínimo coas seguintes prestacións: asesoramento afectivo-sexual desde unha perspectiva de diversidade, atención integral en materia anticonceptiva e prevención de ITS, así como elaboración, coordinación e implementación de accións de sensibilización e educación afectivo-sexual no municipio..

Segundo.- Instar ao departamento municipal de saúde a facilitar o acceso á poboación, en especial ás persoas con menos recursos e novos, á dispensación gratuíta de preservativos.

Terceiro.- Requirir ao equipo de goberno municipal que mostre o seu apoio e colaboración coas entidades sen ánimo de lucro que prestan servizos ás persoas portadoras de VIH e enfermos de SIDA, suplindo economicamente as carencias derivadas do cese de financiamento ao Plan Multisectorial.

Cuarto.- Emprazar ao equipo de goberno a que se sitúe favorablemente en relación ao Pacto social pola non discriminación asociada ao VIH e o SIDA, con ánimo de promover valores de convivencia, respecto e diversidade entre a poboación en relación á realidade das persoas afectadas polo VIH/SIDA, como unha medida de responsabilidade social e recoñecemento a un colectivo que día a día continúa coa loita fronte á pandemia.

Quinto.- Reclamar ao Goberno central que restableza a sanidade pública universal, sen excluír a ningún cidadán da atención sanitaria, en particular á poboación inmigrante ilegalizada

Sexto.- Reclamar ao Goberno central que recorra en todo caso ante o Tribunal Constitucional calquera intento de implantación dun sistema de copago farmacéutico, inxusto coa cidadanía en xeral e moi particularmente coas persoas con menos recursos económicos, a quen esta medida moitas veces supón o cese dun tratamento determinante para a saúde do paciente.

Sétimo.- Reclamar ao Goberno central a restitución da dotación orzamentaria para o Plan Nacional sobre a SIDA, recollida nos Orzamentos Xerais do Estado, que permite a execución do Plan Multisectorial e o sostemento do propio Plan e todas as iniciativas que veñen levándose a cabo orientadas a atallar a problemática do VIH/SIDA

Oitavo.- Instar aos axentes implicados a propoñer, desenvolver, aprobar e executar o novo Plan Multisectorial 2013-2017, no marco do Plan Nacional sobre a SIDA.

Da presente moción darase traslado:

– Ao Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.

– Á Consellería de Sanidade.

– Ás organizacións para a prevención do VIH-SIDA na Comunidade Autónoma.

Relacionados