Esquerda Unida esixe novos servizos municipais de protección social para loitar contra a exclusión social dende o público. Porque na Coruña, as distintas entidades benéficas e o propio banco alimentario recoñecen sentirse superados diante dunha demanda que crece de maneira exponencial, o que sitúa a nosa cidade cun importante déficit en canto á oferta de comedores sociais. Mentres os poderes públicos deben garantir as condicións mínimas de vida da cidadanía, observándoas como un dereito e non como un agasallo, o goberno municipal limita a súa acción social a incrementar as subvencións a determinadas ONG.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que o goberno municipal debe liderar, un plan que vertebre e coordine a loita contra a pobreza a través dun unha rede de comedores sociais e un Centro Municipal de Inclusión Social (CIMS) que permita despregar os recursos suficientes para unha acción integral a prol das persoas que se atopan nunha situación de grave necesidade, un centro polivalente, que permita atender tamén aos elementos estruturais para saír da situación de emerxencia e integrarse de novo na sociedade, así como as de carácter sociosanitario e sociolaboral, para propiciar a recuperación das persoas usuarias.
A rede municipal de comedores sociais públicos pretende asegurar que todos os coruñeses teñen acceso a unha alimentación digna. Na devandita rede traballarían en sinerxía os actuais comedores xestionados por entidades privadas, cos públicos, descentralizando a oferta e evitando a concentración de marxinais o que evitaría a reticencia de facer uso destas instalacións ao chamados “novos pobres”, cidadáns integrados socialmente que a crise os puxo no limiar da pobreza.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “os datos do IGE son demoledores un de cada catro fogares coruñeses vive de subsidios, temos que prepararmos para cando deixen de percibir ingresos dos sistemas de protección oficial esas preto de 23.000 familias coruñesas, o que supón o 22,4% das familias, porcentaxe que alcanza ao 36% dos fogares se observamos aqueles que reciben máis do 50% dos seus ingresos dalgunha prestación como o subsidio de desemprego ou as pensións”.