Siame en Dolce Vita

Esquerda Unida propón que concello e Dolce Vita asinen un convenio de colaboración para instaurar no centro comercial o servizo integral de apoio municipal a emprendedores (SIAME), na actualidade o centro comercial ten baleiro o 20% dos 62.000 m2 de superficie comercial. Así pois, en outubro cando abandone Primak quedarán máis de 50.000 m2 dispoñibles para o SIAME, unha actuación que oferta moitos máis servizos que os tradicionais viveiros de empresas e que xerará moito máis valor engadido ás empresas beneficiarias deste servizo.

En definitiva trátase dunha ferramenta efectiva para autónomos, PEME e cooperativas, xa que pretende cubrir as necesidades básicas ás que se enfrontan os emprendedores, para que poidan centrar o seu esforzo na súa actividade produtiva. Así, mediante unha taxa que cubra custos de xestión o Concello xestionaría mediante recursos propios e convenios con empresas locais a prestación de servizos administrativos, de asesoramento contable, laboral ou tributario, das TIC (informáticos e comunicacións), de loxística, así como as propias oficinas administrativas.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que ”o SIAME pode dar cobertura a centos de emprendedores e xerar miles de postos de traballo sen apenas custe, mais aló do propio convenio, pois o servizo realizaríase con persoal e medios municipais”. Con esta actuación, non so evitarase o peche do centro e a conseguinte perda de postos de traballo, senón que permitiría ao concello centrar e potenciar todas as súas actuación encamiñadas a reactivar a economía local, provocando as sinerxias necesarias que permitan converter o centro nun polo de desenvolvemento económico e empresarial. Non en vano a instalación, aparte dos máis de 50.000 m2 dispoñibles para as oficinas, dispón que ten todas as infraestruturas necesarias para converterse nun centro de decisións neurálxico na Galiza, nos seus 175.000 m2 de superficie total.

Por outra banda, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes saúda o desenvolvemento do segundo vieiro de empresas na cidade, mais lembra que podería ser o terceiro si o goberno municipal non renunciase a crear o do Agra. Asemade pídelle maior altura de miras e valore a proposta de creación do SIAME como ferramenta efectiva para loitar contra o desemprego reactivar a economía local e promover o cambio de modelo económico.

Relacionados