SIAME, proposta para crear emprego

 

As series estatísticas históricas amosan que abril é un mes de xeración de emprego, debido ao tirón da semana santa e ao inicio da primavera onde se incrementan algunhas actividades produtivas. Así a pesares de atoparnos en recesión o desemprego descendeu levemente a nivel de todo o Estado.

 

Lamentablemente, a grave situación que vive o tecido produtivo galego situou a nosa comunidade una vez máis no pelotón de cabeza do paro con 849 novas incorporacións o que supón que na actualidade 277.644 persoas atópanse en situación de desemprego.

 

Peor é a situación que estamos a vivir na nosa cidade onde o desemprego incrementouse en 264 persoas respecto do mes de marzo, un 1,14%, até chegar a 23.449 persoas desempregadas, así en abril de cada 10 parados galegos 3 eran coruñeses. Estes datos amosan que na nosa cidade estase a incrementar o desemprego por riba da media  española, galega e da nosa propia provincia.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que dende a chegada do PP a María Pita o desemprego incrementouse nun 17,25% debido á falta de iniciativas que fomenten a reactivación económica local e políticas activas de emprego. Xa son case 3500 coruñeses e coruñesas os que engrosaron as listas do paro nestes 11 meses, mentres o noso tecido produtivo cambalease como demostra o feito que o sector da industria é o que experimenta un maior incremento do desemprego cun 1,41%. Diante desta situación de emerxencia urxe aplicar medidas tendentes a apoiar ao tecido produtivo local.

 

Xa que logo, Esquerda unida propón a creación dun Servizo Integral de Apoio Municipal a Emprendedores (SIAME) para xerar emprego. O dito servizo pretende ser unha ferramenta efectiva para autónomos, PEMES e cooperativas, cubrindo as necesidades básicas ás que se enfrontan os emprendedores, para que podan centrarse na súa actividade produtiva e así rachar coa barreira burocrática que na practica impide a moitos realizar a súa actividade. Así, mediante unha taxa que cubra custos de xestión o Concello xestionaría o acceso a oficinas, e a prestación de servizos administrativos, informáticos, de comunicacións, de loxística, e asesoramento contábel, laboral e tributario.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “A Coruña, por capacidade e historia, debe ser o motor económico da bisbarra e debe liderar o cambio do modelo produtivo e a reactivación da economía local”.

 

O SIAME favorecerá a reactivación económica local, a creación de emprego estábel de calidade e o cambio do modelo produtivo cara un máis sustentábel e menos dependente do petróleo”, ao establecer ditas premisas como requisito de acceso ao servizo xunto cun estudo favorábel sobre a viabilidade económica (desenvolvido pola propio SIAME). Así, as nosas empresas melloraran a súa competitividade diante dun escenario de escaseza do petróleo e constante suba de prezos da enerxía.

Relacionados