Sistema educativo galego

O deputado, Ramón Vázquez, lamenta que o único interese do PP sexa desmantelar o ensino público tal e como amosan o texto do Proxecto de Orde polo que se desenvolve o procedemento de admisión dos centros sostidos con fondos públicos que acaba de presentar a Consellería de Educación.

Santiago de Compostela, 1 marzo de 2013.- A Consellería de Educación ven de presentar o Proxecto de Orde polo que se desenvolve o procedemento de admisión do alumnado en centros sostidos con fondos públicos que pretende desenvolver o decreto 254/2012 de admisión do alumnado nos centros de ensino, establecendo (no punto 36.6) a posibilidade de adscribir ó alumnado a centros concertados de non haber praza en ningún dos centros solicitados previamente. Deste xeito se abre unha nova vía para derivar ao alumnado a centros privados sostidos con fondos públicos e se impide a creación de novas unidades de escolarización en centros públicos, continuando coa liña de desmantelamento do ensino publico xa iniciado polo goberno do PP.

Así mesmo, no Proxecto de orde o Goberno da Xunta mantén a posibilidade de que os centros podan otorgar un punto en base ás circunstancias que consideren relevantes tal e como xa se establecía no decreto 254/2012, van contra o ditame do Consello Consultivo de Galicia no que se constataba a arbitrariedade e discriminación que este aspecto suscita. O propio Tribunal Superior de Xusticia de Galicia ven de admitir a trámite un recurso contra este decreto que agora desenvolve a nova orde.

Ademáis da problemática descrita, a publicación do Decreto o desenvolvemento da orde, está a conlevar un importante atraso na apertura do proceso de matrícula. De feito, dito  proceso que comeza sempre a primeiros de marzo, nesta convocatoria retrasase a mediados de abril segundo comunicou a propia Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Esta circunstancia obrigará a acortar os prazos si se pretende manter o calendario para formalizar a matricula nas datas previstas (do 20 ao 30 de Xuño en educación Infantil e primaria e do 25 de Xuño ó 10 de Xullo en secundaria).

O Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda presentou varias iniciativas parlamentarias dirixidas a garantir que a normativa en trámite non vulnere os dereitos de familias e alumnado no proceso de matricula nin continúe co proceso de desmantelamento do ensino público que busca o Partido Popular.

Relacionados