Sobre a mina de Corcoesto

“O proxecto mineiro terá un impacto ambiental, económico e social moi negativo a longo prazo”, expón o deputado Antón Sánchez, “polo consumo de acuíferos ou o condicionamento para as actividades agrogandeiras”

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2013.- A Xunta de Alberto Núñez Feijóo beneficia ás empresas estranxeiras que veñen espoliar Galicia. É o caso da Mineira de Corcoesto, SL, propiedade do xigante canadiano Edgewater, que pretende abrir unha mina de ouro en Corcoesto (entre Cabana de Bergantiños e Coristanco). “O proxecto mineiro terá un impacto ambiental, económico e social moi negativo a longo prazo”, denuncia o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Antón Sánchez, “polo consumo de recursos acuíferos ou polo condicionamento das actividades agrogandeiras”. Contra as medias verdades do PP ao respecto, Sánchez sinala que tampouco haberá creación de emprego significativa. “Porque en Galicia debe crear emprego con solucións sostíbeis a todos os niveis e baseadas no coñecemento, a innovación e o respecto ao medio ambiente”, explica.

Alternativa Galega de Esquerda viu esta mañá como o Partido Popular rexeitaba unha proposición non de lei en que o grupo parlamentario de AGE esixía á Xunta a elaboración urxente dun plan especial de desenvolvemento económico da comarca de Bergantiños. “A idea é que servise para estudar alternativas viábeis e sostíbeis de creación de emprego e riqueza”, expón o parlamentario Antón Sánchez, “a partir do desenvolvemento e aproveitamento sostible dos recursos naturais da zona”. A modernización da agricultura e o fomento da súa variante ecolóxica, a potenciación do turismo rural de calidade ou a implantación de empresas de servizos son algunhas das liñas de traballos formuladas por Alternativa. Que quere que as conclusións deste plan sexan alternativa á extracción de ouro mediante cianurización.

 

Relacionados