Sobre a Pokémon

O pasado tres de decembro a xuíza Pilar de Lara ordenaba un segundo rexistro e recollía información dos número dous de PP e PSOE, o tenente de alcalde Julio Flores e José Nogeuira que leva moitos mandatos como concelleiro do PSOE. A xuíza tamén solicitou información ao asesor de Julio Flores, a asesora da concelleira de Cultura e a varios altos cargos postos a dedo por Negreira como a directora dos Museos científicos, a xefa de contratación ou a xefa de cultura, así como a outros funcionarios do IMCE e do acuario, algúns nomeados na época do PSOE como o director técnico do acuario e ao seu técnico de mantemento. Apesares da evidencia de que a xuíza tiña que ter claros indicios de que algo escuro acontecía no concello e que, fose o que fose, salpicaría tanto a PP como PSOE,  mantivemos a mesma actitude de prudencia.

Posteriormente cando se confirma a imputación destas persoas en lugar de buscar rédito político, limitámonos a subliñar as diferenzas entre nós e os partidos sistémicos do réxime, indicando que EU rexese por códigos éticos que impiden que os imputados por causas de corrupción se manteñan como cargos públicos, e que o lóxico e desexable é que os cargos públicos imputados dimitan para non manchar o nome do concello.

Máis a apertura de parte do sumario traxo a luz pública gravísimas informacións, que independentemente da presunción de inocencia,  inhabilitan para a vida pública a Julio Flores e José Nogueira e iso que a peza coruñesa da Pikachu permanece en segredo sumarial, polo que intuímos que o escándalo será de enormes proporcións cando se levante o segredo. Pero xa agora, a situación é insostible, o tráfico de influencias, o enchufismo, o clientelismo e outras corruptelas  amosan ser a praxe habitual dun bipartidismo culpable desta crise.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera inaceptable a posición dos cargos públicos do PP e do PSOE que están a avalar e defender as aptitudes espurias e inmorais dos cargos públicos imputados. Resulta inaceptable escoitar citas como “as conclusións que saca a Policía Aduaneira son incorrectas porque non teñen conciencia de como funciona unha administración”, esta afirmación demostra o fin do réxime e o estado de degradación ético de PP e PSOE. Estase a considerar como normal que os cargos públicos utilicen o seu posto para defender intereses persoais.

Esquerda Unida afirma que tráfico de influencias, echufismo, contratos simulados do bipartidismo non son axuda social. Os cargos públicos imputados e outros que aínda non están imputados pero aparecen no sumario pedindo traballo para outras persoas pretenden transmitir á opinión pública que o facían por humanidade, incluso se chega a afirmar que “pedir traballo para outras persoas non é delito” para defender a algún dos imputados. Ver xustificable que o concelleiro do PSOE pida traballo para a súa irmá desacredita para o desempeño da política a quen fai estas afirmacións.

Resulta lamentable e produce un profundo noxo, observar como PP e PSOE están a promover a desigualdade entre os coruñeses. Aquelas persoas que son amigas, familiares o do partido acadan posto de traballo, mentres que o resto quédase nas listas do paro o teñen que emigrar.

Tanto PP como POSE están a demostrar que son organizacións incapaces de facer autocrítica e que asumen como lóxico utilizar o trampolín do público para beneficiarse.  Con estes persoeiros non é de estrañar que a corrupción política sexa a segunda preocupación dos españois e acenda todas as alarmas na Unión Europea.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “ninguén dá nada si non recibe algo a cambio. Si os concelleiros do PSOE e do PP pedían colocar a amigos, familiares e membros do partido, está claro que lle daban trato de favor a empresa. Isto chámase corrupción”, basta con observar o folio 13.276 do sumario onde a responsable de contratación, colocada a dedo polo PP, afirma “o concello vaille facilitar todo o que poida, xa que Tutor lles está a facer un grande favor”

Basta xa de tanta inmoralidade e cara dura, dende EU instamos a rectificar a todos os cargos públicos que fixeron esas desafortunadas declaracións e, por suposto, a que os cargos públicos imputados, Julio Flores do PP e José Nogueira do PSOE,dimitan dos seus cargos.

No momento actual podemos afirmar que o estado de dereito está a desaparecer, por iso, agora máis que nunca resulta de imperiosa necesidade que a cidadanía se mobilice para provocar unha rexeneración democrática que ineludiblemente debe basearse nun maior control popular establecendo mecanismos de participación e de transparencia para evitar que a corrupción siga instaurada nas institucións.

 

Relacionados