ron.jpg - 32.35 Kb

Sobre o “Manifesto de economistas aterrados”

 

Un grupo de catro economistas, canso da palabrería dos economistas apóstoles do capitalismo salvaxe, encabezou a redacción dun manifesto (Manifesto de economistas aterrados, Pasos Perdidos / Barataria, 2010) no que desmontan, a través de 10 falsas evidencias sen fundamento cientifico, o mito da eficiencia do libre mercado en Europa.

Pero, non todo é simplemente desmontar ou criticar. Non. Achegan tamén vintedúas medidas para camiñar na dirección da regulación e da redistribución da riqueza que, hoxe, coa que está caendo, até soa a revolucionario e a antisistémico.

Escrito de forma sinxela e clara, explican cales son erros cometidos –e non asumidos, senón que apoiados polos gobernos europeos coas súas políticas de axuste e austeridade neoliberal- pola doutrina do libre mercado desbocado. Son conscientes de que a crise “es mucho más que una crisis económica. Es también una crisis social, que se destaca sobre el fondo de las crisis ecológica y geopolítica” (p. 10). E, tal como nós mesmos tivemos que defender neste medio, lembran algo que é substancial, que a economía pertence a todas as persoas que vivimos en sociedade: “Si la ciencia económica empieza a poner en cuestión sus hipótesis y métodos, tiene también que recordar que corresponde a los ciudadanos, y no a los expertos, determinar colectivamente mediante la deliberación democrática los objetivos de la actividad económica, los criterios de su eficacia y los medios para alcanzarla” (p. 10).

No que segue enumeramos algunha das medidas suxeridas polos autores:

1. Separar de forma estricta mercados financeiros e actividades dos axentes financeiros.

2. Ligar as transaccións financeiras ás necesidades da economía real.

3. Incrementar de maneira notable a fiscalidade ás rendas máis altas.

4. Desenvolvemento dunha política pública de crédito.

5. Liberar aos Estados da ameaza dos mercados financeiros garantindo a compra de títulos públicos por parte do BCE.

6. Facer unha auditoría pública e cidadá da débeda pública, determinar a súa orixe e coñercer a identidade dos principais posuídores de títulos da débeda e as contías.

7. Manter o nivel de protección social.

8. Incrementar o orzamento destinado a educación, investigación, ecoloxía.

9. Recuperar o carácter distributivo da fiscalidade directa sobre a renda.

10. Cuestionar a libre circulación de capitais e mercadorías entre a Unión Europea e o resto do mundo.

11. En vez da competencia, que sexa a “armonización en el progreso” o que guie o proceso de construción europea.

12. Compensar os desequilibrios de pagos en Europa mediante un organismo que regularía os préstamos entre países europeos.

13. Se o euro chega a desaparecer, establecer un réxime monetario intraeuropeo para organizar a reabsorción dos desequilibrios.

14. Desenvolver unha fiscalidade e un orzamento europeos para axudar aos países de Europa a converxer no acceso a servizos públicos e sociais.

Un pode pensar que, en realidade, estas medidas só procuran humanizar o capitalismo. Que son simples reformas para reaxustar a dirección que debe seguir a construción europea. Que procura un camiño social, redistributivo, máis equitativo, pero que, no fondo, non contesta a existencia en si mesma do capitalismo.

Pode ser. Mais, se consideramos que o capitalismo non sabe ser humano, que é voraz, que vive da acumulación do beneficio, da rendibilización máxima do beneficio, a expensas dos Dereitos Humanos e do equilibro da Nai-Terra, se instalamos reformas non reformistas, como diría André Gorz, como algunha das que desexan os economistas aterrados, o capitalismo veríase freado, atrancado na súa voracidade por medidas de corte socialista. Esta necesidade é, coidamos nós, un primeiro paso importante para empoderar á sociedade e avanzarmos cara ao socialismo de verdade. 

No fondo, isto vai na liña do que enuncia Manuel Monereo, no último número de El Viejo Topo (pp. 9-15), onde postula que a alternativa á crise que xurda será unha alternativa ao capitalismo neoliberal e que “si esa supuesta alternativa conduce a un nuevo capitalismo o a algo que vaya más allá, depende de la correlación de fuerzas y de la capacidad de la izquierda social y cultural para organizar una mayoría social capaz de promover una sociedad en transición hacia el socialismo”.

Os economistas queren uns Estados fortes, provedores de servizos públicos, que sexan quen de artellar unha Europa social, unha Europa dos cidadáns e cidadás. Algo do que en Francia son moi conscientes, pois foron unha das nacións que dixo non a aquela mal nomeada Constitución Europea (introducida logo coma un gol invisible no Tratado de Lisboa). No Manifesto latexa tamén un medo ao modelo económico que quere impoñer Alemaña a toda Europa.

De aí que, se queremos realmente unha Europa cohesionada, social, asentada na cooperación e non na competitividade e o medo laboral, temos que afrontar un proceso constituínte e ser quen de levar a bo porto unha constitución elaborada pola Europa dos Pobos. Claro está…se acreditamos.

Relacionados