Esquerda Unida tilda de racistas as declaracións do portavoz do PP no Congreso sobre as persoas migrantes, e considera que o RDL 16/2012 pode custar vidas. Ante esta medida sanitaria excluínte, os primeiros afectados serán os colectivos de migrantes en situación administrativa irregular, que serán privados dun dereito básico. A intención é clara ante as declaracións do portavoz do PP no congreso “os inmigrantes ilegais o que teñen que facer é volver ao seu país” pero tamén fala de “priorizar aos españois na sanidade pública” iso sí, sempre e cando teñan cartos para pagala. O colectivo de médicos galegos ante esta situación extrema, calificada polo Foro Galego de Inmigración de medida racista, manifesta a súa obxección de conciencia ante a privación da atención primaria sanitaria ás persoas en función da súa situación social.
A executiva nacional de Esquerda Unida apoiará as accións reivindicativas que se teñen previstas para setembro en contra deste decreto reaccionario e antisocial. A solución á crise sistémica que estamos a padecer, non pasa por introducir o pago no modelo sanitario, o goberno non é quen de poñer prezo á nosa saúde. 710 ou 1.864 euros ao ano será o que teñan que pagar aquelas persoas que sen recursos queiran acceder a unha sanidade que dende hai trinta conseguimos estivese ao noso servizo sen excepcións. A política privatizadora dirixida polos mercados, e acatada polo goberno do Partido Popular, convértenos en vítimas do sistema, e arrebátanos o que é noso e nos fan pensar que é deles.
A coordinadora nacional e candidata á Xunta, Yolanda Díaz afirma que “segundo datos das ong’s, coa aplicación do RDL 16/202, 20.000 persoas migrantes quedarán sen cobertura sanitaria”. Non se pode culpabilizar a un sector da sociedade da xestión que se está a levar dende o goberno central que, o que pretenden é crear un sistema sanitario mixto público/privado. O obxectivo do estado debería ser gobernar para as persoas con independencia da súa orixe ou condición social, e non crear diferenzas ante unha situación que non se elixe. Ser migrante en situación irregular é unha condición consecuencia, primordialmente dunha lei de extranxeiría securitaria e antipersoas, que non entende da regularización ordinaria e que mercantiliza ás persoas. O propio estado español, sen querer asumir a súa responsabilidade con respecto á situación administrativa das persoas migrantes, quere agora escorrer o nó sobre o dereito universal á saúde e sometelo á rendibilidade monetaria. Non podemos perder de vista que estas persoas sofren en primeira instancia as consecuencias da crise capitalista e que dificilmente poderán permitirse financiarse a súa atención sanitaria.
Por todo isto, a expensas da decisión de Feijóo ante a aplicación deste Real Decreto, Esquerda Unida chama á rebelión a toda a poboación e aos diferentes movementos e organizacións sociais, a mostrar o seu rexeitamento frontal a esta e outras medidas antisociais para defender os servizos públicos e os dereitos sociais de todas e todos.