Socialización das perdas

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2013.- A viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Yolanda Díaz acusou ao Partido Popular de “socializar as perdas” do que queda das antigas caixas de aforro. Fíxoo logo de que transcendese publicamente que NCG Banco vendera as 80 oficinas que operaban coa marca Evo fóra de Galicia a un fondo de investimentos estadounidense. “Confírmase a estafa da que nós xa avisáramos a semana pasada en comisión parlamentaria”, explicou Díaz, “e o PP socializa as perdas para que outros leven os beneficios”. Evo véndese polo 55% do valor contábel neto, e todo logo de que o Estado investise 9.000 millóns no desastroso proceso de fusión de Caixa Galicia e Caixanova.

“Feijóo leva meses en silencio. O conselleiro leva meses en silencio. Todo isto fai parte da súa estratexia para liquidar unha entidade agora pública”, sinala a viceportavoz de Alternativa, “para facer un gran negocio cos cartos recadados cos impostos de todos os nós. Porque ademais vendeuse por un prezo moi inferior ao real”. Díaz remata preguntándose, a maiores, por que o Goberbno do señor Núñez “ten tanta présa por facer negocio, se mesmo dentro da súa lóxica neoliberal a troika lles daba ate cinco anos para vendelo?”.

Relacionados