As iniciativas cidadás tendentes a evitar que a planta de gas de Reganosa, en situación de ilegalidade, poidera ao entrar en funcionamento por en risco a vida das persoas que habitamos a contorna da ría e a riqueza desta, son responsabilidade do Comité Cidadá de Emerxencia, integrado por máis de sesenta entidades e moitas persoas a título individual.
Para este Consello semella inaceptable que se queira impor pena de cadea a unhas persoas que non fixeron nada malo e que non son en absoluto responsables da devandita iniciativa cidadá. A condena ten a evidente intención de amedrentar ás persoas e colectivos que sostemos unha loita de máis de 10 anos contra o escándalo Reganosa, que ameaza as nosas vidas e a nosa ría. Entidades que expresan un sentir moi estendido entre a cidadanía e que non van cesar na loita por unha causa xusta.
Unha vez máis se xoga coas vidas das persoas, de traballadores inocentes neste caso, para exercitar a coñecida fórmula da cabeza do turco. Os instigadores deste xuízo non se atreven a xulgar e condear ás centos de persoas que participamos nunha acción que buscaba preservar a legalidade e, incluso máis, a vida da nosa xente, que dende a posta en funcionamento da planta se atopa cunha permanente espada de Damocles. E como non ousan afrontar esta resposta cidadá escollen a unhas poucas persoas para castigalas, claro está, dun xeito inxusto.
Esquerda Unida quere lembrar que se quere sementar medo cando más nidio semella estar a situación de ilegalidade da planta, logo da sentenza firme do Tribunla Supremo; cando máis evidente resta a súa condición superflua e onerosa para a nosa cidadanía; e cando máis cheiran as relacións espurias que se trenzan entre o poder económico e os responsables públicos supostamente encargados de velar pola nosa seguridade e polo medio ambiente.
As xornadas de loita cidadá de maio de 2007 constitúen un exemplo de dignidade que non van mudar pronunciamentos xudiciais que somentes tentan producir medo e parálise nunha cidadanía disposta a manter a loita ate gañar a seguridade para a veciñanza e a preservación da nosa ría; e iso malia os poderosos intereses económicos que moven a engranaxe da represión.