Solidariedade coa Plataforma Salva o Tren

 

Esquerda Unida considera inaceptable que nun estado de dereito o feito de repartir folletos informativos poida derivar nunha sanción. A nosa organización rexeita a actitude antidemocrática de RENFE, intimidando a unha cidadá no exercicio do seu dereito constitucional de libre expresión.

 

 Resulta abraiante que se intente silenciar a un colectivo que o único que está a reivindicar é que se restableza a igualdade entre comunidades, pois non debemos esquecer que mentres noutras comunidades como Catalunya o Ministerio de Fomento está a investir no tren de proximidade, en Galiza estase a desmantelar.

 

Desde o inicio da obras da alta velocidade no eixe atlántico, o Ministerio de Fomento foi suprimindo as antigas estacións, aducindo que o tráfico das estacións era moi baixo e non cubría custos económicos, esquecendo que é un servizo público estratéxico. Sen embargo os meses anteriores ao peche das estacións desde Renfe se lles ordenou aos revisores que non subiran a picar na estación a pechar, para que non constasen os usuarios nas estatísticas.

 

Para EU o peche destas estacións condenou a unha poboación cunha media idade elevada a desprazarse en taxi ou vehículo privado e incluso andando, xa que tampouco se dispón dun servizo regular de autobuses, porque só ofrecen servizos cos principais núcleos urbanos.

 

Esquerda unida, como xa indicara no seu programa electoral, considera o  ferrocarril de proximidade un servizo público estratéxico fundamental que semella vital para o desenvolvemento da mobilidade sostible, polo que pulará polo seu desenvolvemento.

 

 

 

 

Relacionados