Solidariedade con Xesús Anxo López

A actuación intencionada de golpear e deter ao compañeiro que tiña unha actitude tranquila é unha provocación do PP, que tenta escapar do debate programático e dos flagrantes incumprimentos dos seus compromisos con Ferrolterra para provocar violencia e xustificar así a súa política dos paus.

Esquerda Unida quere sinalar que na persoa de Pintos se quere criminalizar a loita do plural sindicalismo de clase galego, que coas súas propostas e reclamacións tenta mellorar a situación da nosa clase traballadora e do conxunto da sociedade, que padece a violencia estrutural de políticas contrarias á Constitución e o Estatuto.

O PP constitúese desta maneira como o partido dos paus e dos recortes, facianas ambalas dúas complementarias dunha política de violencia contra os traballadores e traballadoras, e que na nosa cidade e comarca en particular  tenta afogar o sector naval público da nosa ría, o nervo industrial desta comarca. Se pecha así o futuro e a vida para milleiros de persoas que sofren as políticas do PP, políticas de mentiras e recortes, que lastran o desenvolvemento social da nosa comarca.

Xosé María Dobarro, coordinador comarcal de Esquerda Unida, salienta que “a violencia a desencadean os políticos do PP que minten e incumpren as súas promesas condenando aos traballadores  e traballadoras a un futuro pechado de paro, pobreza e emigración.”

Esquerda Unida  reclama a inmediata posta en liberdade dun compañeiro, Xosé  Anxo López Pintos, que coa súa protesta pacífica de onte somentes  defende os intereses xerais da nosa cidadanía traballadora. Que saiba a nosa sociedade que as mulleres e homes de Esquerda Unida van  sumar esforzos para que conquerir o que se pretendía nas protestas de onte: salavagardar o futuro do emprego en diversos sectores industriais, denunciar as mentiras do PP e achegar forzas para derrotar unha política insensata e violenta para os intereses da cidadanía traballadora deste país.

Temos que rexeitar que se tente coutar as xustas reclamacións das traballadoras e traballadores mediante o recurso ao expediente policial e xudicial. É no ámbito político, do debate e cumprimento dos compromisos e necesidades da nosa xente onde se ten que mover a loita política.

Lembrar por último que as protestas sociais de onte  na nosa cidade non son algo illado na realidade conflitiva do noso país: os labregos afogados polos baixos prexos que provocan  intermediarios e empresas distribuidoras, ou os mariñeiros afectados pola fin do acordo con Mauritania, os traballadores de Poligal que sufren as consecuencias do golpe de Estado laboral do PP…  son algúns dos exemplos de malestar social que se expresa nas rúas  nun intre onde a cidadanía galega se xoga o seu futuro económico e social. Non outra cousa é a democracia. Malia que lle incomode a un PP atrincheirado nos recortes e nos paus.

 

Relacionados