Solidariedade cos cooperativistas do Ofimático

 

Pouco a pouco comezan a sacarse a careta social utilizada durante a campaña electoral para mostrar o seu libro de ruta, que non é outro que o de seguir favorecendo á especulación urbanística.

 

Esquerda Unida considera que o Goberno coruñés paraliza a urbanización do proxecto do Ofimático coa intención de beneficiar aos promotores, que por un lado gañan tempo para poder obter maiores beneficios e por outro avanzan na súa intención de adquirir as parcelas dos cooperativistas e quedarse con todo o polígono coa complicidade do concello.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes solidarizase coas 300 familias de cooperativistas que están a sufrir a presión dos especuladores para que desistan do seu sono de adquirir unha vivenda digna. Pois o atraso supón de feito un afogamento económico xa que teñen que facer fronte, ademais dos gastos da súa vivenda habitual, ao pago da hipoteca e aos custos de xestión da cooperativa.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou “a decisión tomada polo concello supón unha enorme presión económica para os cooperativistas, brindámoslles o noso apoio para loitar contra esta inxustiza, pois ao contrario que outros que sempre se posicionan ao lado dos especuladores, Esquerda unida sempre está coas familias traballadoras”.

 

“Semella que a devandita paralización obedece aos intereses especulativos dos promotores”, sentenciou César Santiso quen afirmou que o seu grupo municipal tentará de manter unha xuntanza cos cooperativistas na procura dunha solución satisfactoria para o colectivo.

Relacionados