Solidariedade cos traballadores

O fallo do xulgado do penal número 1 de Pontevedra marca cal é a política laboral do PP: levar a cadea os traballadores e traballadoras que loiten polos seus dereitos. A área de economía e emprego de EU achega o seu apoio ás diversas iniciativas de loita que se van levar adiante en solidariedade cos condenados diante dunha sentenza que cualificamos   de  inxusta.

Marcos Cadórniga, Carlos Alján e Carlos Búa participaron na folga do comercio da alimentación do 2009 na procura de defender os poucos dereitos democráticos que temos as persoas traballadoras nos centros de traballo, o dereito de folga para acadar un convenio colectivo xusto.  Semella inaceptable que estes traballadores vaian a cadea sen agardar o resultado do recurso presentado. Ponse en cuestión o Estado Social e Democrático de Dereito cuon sentenzas que tentan exemplarizar a represión sobre as loitas das persoas traballadoras.

Yolanda Díaz, Coordinadora Nacional de EU e deputada da Alternativa Galega de Esquerda, salienta que “non hai democracia posible sen unha práctica sindical de clase combativa que defenda ás persoas traballadoras da tiranía patronal que está a provocar e cohonestar o PP”. O partido dos ricos, dos banqueiros, dos defraudadores e do gran empresariado – o PP – tenta romperlle o espiñazo á clase traballadora coutando ao sindicalismo de clase. Esquerda Unida está certa que a violación dos dereitos das persoas traballadoras chega da man das chantaxes e imposicións patronais, ao abeiro dunha lexislación que fai fácil e barato despedir ás persoas, rebaixarnos o salario, movernos de sitio ou localidade;  non dos compañeiros que defenden o dereito de folga das persoas traballadoras. Dereito gañado coas loitas do fin da ditadura franquista.

Esquerda Unida quere chamar a atención diante de sentenzas desmesuradas que apenas tentan outra cousa que impedir o lexítimo exercicio dos dereitos que nos recoñece o Estatuto dos Traballadores e a Constitución, documentos legais que aínda non foron formalmente abolidos, e que polo tanto deben protexer ao factor traballo nesa relación fondamente  desigual co capital.

A Executiva Nacional de Esquerda Unida comunica que as mulleres e homes de Esquerda Unida van participar na manifestación do día 15 de decembro en Pontevedra. O día 15 de decembro, nas rúas de Compostela, o mundo do traballo  vai demandar xustiza e liberdade para tres traballadores cuxo delicto é defendernos a todas e todos os que vivimos dun xornal, tentando acadar un convenio colectivo – eses que o PP deixa na práctica sen forza legal co seu golpe de Estado laboral – mediante o exercicio do dereito de folga, esa ferramenta que tamén quere impedir o PP.

Relacionados