O peche no concello fenés das traballadoras e traballadores do pósito evidencia o problema central que ten a nosa ría: a falla de saneamento e os incumprimentos de prazos e acordos comunitarios, que supoñen un grave problema de emprego, e que comprometen o porvir do sector extractivo e da propia ría ferrolterrán.
EU chama a atención sobre o inaprazable compromiso ministerial e da Xunta cara a facer realidade o saneamento da ría, nó social e económica da comarca, e que conta cun enorme potencial en aras a crear emprego e xerar actividade económica e náutica nun espazo natural incomparable. Tan incomparable como secularmente esquecido das administracións públicas. Neste orzamento EU vai reclamar que se incorporen partidas orzamentarias suficientes para rematar en 2015 o conxunto do saneamento da ría.
O Grupo Parlamentar de EU vai traballar no Congreso para que o Ministerio acelere os prazos e polo tanto se poida superar o atranco estrutural que padece a ría: unha contaminación que non deixa de crecer, entre outras diante de situacións de inaceptable colusión entre os poderes públicos e os poderes económicos, como o que permitiu a instalación contra toda racionalidade crítica da planta de gas de Reganosa.
As traballadoras e traballadores non piden máis que poder traballar en condicións e namentras elo non sexa posible que se lles aboe aquelo que se lles adebeda polos seus traballos de limpeza do medio. Ten que cumprir nesto a Xunta. A batea para depurar non é a solución estrutural; o saneamento si o é e, xa que logo, as administracións teñen que cumprir co sector e a cidadanía de Ferrolterra, que non aturamos xa máis mentiras e aldraxes.