Solidariedade cos traballadores Albada

 

O voceiro de Esquerda Unida – Os Verdes, César Santiso, visitou ao traballador despedido inxustamente por Albada, Fernando Balay, para transmitirlle o apoio e solidariedade de EU-V, tanto a el como ao conxunto de traballadores e traballadoras na súa xusta loita.

 

“O despedimento do compañeiro Fernando Balay semella unha provocación da empresa, ao igual que os incumprimentos do preacordo asinado por ambas as dúas partes no mes de abril” indica César Santiso que teme que a empresa concesionaria este a utilizar aos traballadores como ariete contra o concello, o que constituiría un inaceptábel chantaxe a veciñanza coruñesa. Algo que o concello debe evitar a toda costa.

 

Santiso explicou que “semella que a empresa está a despregar unha estratexia perversa para situar a opinión pública en contra dos traballadores, como o demostra o seu falaz anuncio de incidentes durante as primeiras horas de folga cos piquetes informativos, algo rotundamente desmentido polos traballadores”.

 

Esquerda Unida esixe ao concello que actúe con firmeza e determinación no conflito e non se deixe amedrentar pola empresa concesionaria do servizo municipal de tratamentos de residuos.

 

Para o grupo municipal de EU-V esta situación debe servir para que o concello habilite os mecanismos adecuados para poder participar na negociación colectiva das empresas concesionarias de servizos municipais, a través da inclusión dunha cláusula nos prego de condicións que ademais obrigue as empresas adxudicatarias a dispor dun convenio colectivo que equipare aos seus traballadores cos empregados públicos a en canto a dereitos laborais e que prime a calidade e as condicións do emprego xerado.

Relacionados