🎥 Solla: “Almuíña compareceu hoxe porque quere desmobilizar á xente de cara á manifestación do domingo, pero non o vai conseguir”

A deputada do Grupo Común da Esquerda, Eva Solla, vén de denunciar que o Goberno levase ao Pleno un tema, como os hospitais comarcais “polo que nunca tivo interese” e que agora saca cando terá lugar a masiva mobilización en defensa da sanidade pública, convocada para este domingo en Compostela.

“Vostede ten medo e vén aquí a tentar trasladar datos positivos da súa xestión para desmobilizar a xente, pero xa lle adianto que non o vai conseguir: a manifestación vai ser un éxito”, asegurou a deputada dirixíndose a Vázquez Almuíña.

A deputada do Grupo Común da Esquerda criticou tamén o “carácter propagandístico” da comparecencia do Conselleiro de Sanidade, e díxolle que “perdera a oportunidade” de abordar moitos dos problemas que actualmente se sofren na sanidade pública galega: a censura nos centros sanitarios cara carteis pendurados polo persoal que criticaban a xestión da Xunta, os acordos que provocaron a folga nos PAC e en Atención Primaria ou a apertura de dilixencias por parte do Defensor del Pueblo a través do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura en relación ás persoas ingresadas en Conxo por cuestións de saúde mental.

A respecto disto último, Solla lembroulle o conselleiro que o Movemento Galego de Saúde Mental ten denunciado que a ausencia de compromiso por parte da Xunta á hora de elaborar un Plan Galego de Saúde Mental é un dos desencadeantes principais de que se produzan estas “vulneracións de dereitos fundamentais”. Dado que o conselleiro conmemorou na súa comparecencia o Día Mundial contra o Cancro, Eva Solla tamén lle afeou a Almuíña que non falase de problemáticas coma o colapso do Servizo de Oncoloxía de Vigo.

No respectivo aos hospitais comarcais, Eva Solla reclamoulle de novo ao conselleiro que “pida desculpas pola súa enésima ocorrencia”, o consentimento informado reforzado, xa que non contestou cando a propia Solla lle preguntou ao respecto no Pleno da pasada semana. Lembroulle, así mesmo, que os Colexios Médicos Galegos tacharon de “inadmisible” este elemento por “xerar inseguridade xurídica”, xa que choca contra a norma que regula a autonomía do doente ao xerar desigualdades entre centros na atención ao parto.

“Había un consenso entre todas as forzas políticas sobre a equidade sanitaria e vostedes estano rompendo. A atención ao parto é igual en todos os centros e non precisa dun consentimento diferente”.

Neste sentido, Solla criticou que se estea dando ese trato diferente aos habitantes do rural, vulnerando o seu dereito á atención sanitaria. “A loita pola reapertura do paridoiro de Verín non só supuxo un fito na loita polos dereitos das mulleres e dos nenos e pola sanidade pública; senón que foi máis alá: é unha pelexa da xente dos concellos do rural, que lle din que teñen os mesmos dereitos que o resto de cidadáns de Galicia”, asegurou a deputada.

“A problemática principal do sistema sanitario galego é a falta de persoal suficiente. Claro que precisamos infraestruturas e melloras nos hospitais comarcais, pero a carencia básica e estrutural é a falta de persoal, e iso é o que debería ocupar a comparecencia dun conselleiro de Sanidade. A xente non se vai deixar de mobilizar por un anuncio dunha ampliación, porque volverá saír á rúa cando lle quiten o pediatra, o médico de cabeceira ou o paridoiro. Por iso a mobilización do domingo vai ser un éxito”, sinalou.

Podes ver a intervención íntegra dende:

Relacionados