Solla chama a votar a Unidas Podemos en Ourense fronte a parálise dun PP “compracente cos recortes”

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, participou esta tarde no acto de campaña que tivo lugar en Ourense e no que chamou a votar Unidas Podemos en Ourense como única esperanza para a cidadanía fronte á “parálise do Concello por mor dun Goberno do Partido Popular incapaz de aprobar, nunha lexislatura, tan só un orzamento, que non ten planificación para as necesidades das persoas e que é absolutamente compracente cos recortes producidos por parte da Xunta de Galicia”.

Eva Solla abordou tamén a situación sanitaria en Ourense, cuestión que ten denunciado no Parlamento de Galicia, “temos que lembrar aquí os recortes nos servicios da saúde, o recorte na cirurxía pediátrica, os problemas no traslado ás novas dependencias no Hospital de Ourense, as demandadas de construcións de centros de saúde absolutamente necesarios dende hai unha década, como é o do Couto o de Mariñamansa e, dende logo, un Goberno que durante todo este tempo continuou a facer unha política caciquil e clientelista”.

Para Solla, este goberno caciquil “se ten evidenciado coas políticas de escurantismo, de persecución sindical, que culminaron coa aprobación do último pleno dun Plan Xeral de Ordenación Municipal que non pasou por dito pleno, é dicir, que foi aprobado pola porta de atrás”.

Por outra banda, o candidato á alcaldía de Unidas Podemos Esquerda Unida David Alvarado, manifestou “a necesidade de recuperar un Ourense para vivir onde os barrios sexan motor dunha cidade que ten moito que aportar pero que está secuestrada pola inacción do Partido Popular”.

Relacionados