Esta mañá Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, ofreceu unha rolda de prensa sobre actualidade política en materia de sanidade xunto ao deputado Manuel Lago, quen expuxo a pregunta que fará ao Presidente na sesión de control no vindeiro pleno en materia de desigualdade salarial.
Eva Solla sinalou que nesta fin de semana pedimos de novo a dimisión do xerente da área sanitaria de Vigo, Félix Ruibal, “que xa tería que ter dimitido polos casos da Hepatite C, nos que varias persoas faleceron sen o tratamento adecuado. En vez diso, a Xunta de Galicia decide premiar a Félix Ruibal trasladando a súa incapacidade á xerencia da EOXI de Ourense”, dixo.
Respecto a Ruibal, Solla sinalou que “é unha persoa incapaz de solventar conflitos laborais”. Tamén lembrou que “intentou privatizar o traballo de celadores e celadoras, un problema que se solucionou grazas á súa mobilización e que levou unha nefasta xestión na area de Vigo, coa que dimitiron máis de 25 xefes de servizo”, polo que a deputada preguntouse se a fin é “premialo por destrozar a sanidade pública”.
“Preguntamos que fixeron as e os traballadores de Ourense para merecer a unha persoa que xa deu mostras de incapacidade para xestionar problemas. Con isto cremos que o único que quere a Consellería de Sanidade é botar máis gasolina ao lume da conflitividade laboral na sanidade pública”, dixo.
Como mostra desta afirmación, Solla resaltou outra nova da fin de semana que pasaba por sacar ofertas de contratos precarios para profesionais sanitarios. “O que queremos é que se saquen a oferta pública prazas baleiras que doten de calidade ao servizo, e non que se premie a incapacidade”, denunciou.
“Agora na EOIXI de Lugo se volve a sacar unha privatización por dous anos de máis de 40 millóns de euros de servizos sanitarios, análoga á que se fixo na Coruña e pola que xa tíñamos preguntado. Isto é unha absoluta vergoña, imos volver a pedir explicación pola cuestión e o Goberno de Feijóo vai ter problemas se a súa última finalidade é destruír a sanidade pública”, sentenciou.
Pola súa banda, Manolo Lago recolleu que “segundo sinala a Organización Mundial do Traballo (OIT), en Galicia, o 10% das persoas que máis cobran, cobra 10 veces máis que o 10% que menos cobra, cun salario medio mensual de 453 euros ao mes. Esta diferencia salarial é a que denunciamos, xa que esta desigualdade é cada ano máis ampla: dende o 2006 medrou case un 40% como consecuencia da recesión e das políticas neoliberais do PP”.
“O 10% das persoas con máis ingresos se quedan co 24% dos salarios e, o 10% que menos cobra, só se queda co 2% da masa salarial, polo que estamos ante un modelo inxusto. Quen ten peores salarios? As mulleres menores de 40 anos que traballan a tempo parcial son as peor paradas”. Para o deputado este é “un problema enorme que determina a vida das persoas e que precisa dun Plan de combate contra a desigualdade”. Temos que lembrar que subir o salario mínimo aos 900 euros foi “unha gran medida impulsada polo noso grupo en contra da pobreza laboral”.