Solla demanda no Pleno o incremento de persoal de Urxencias e a apertura de plantas inoperativas en Urxencias

A voceira de Sanidade de En Marea, Eva Solla, vén de defender na sesión plenaria unha petición á Xunta de Galicia para que aumente os efectivos profesionais nos servizos de Urxencias, tanto de Atención Primaria como de Atención Especializada de xeito permanente, acordando coa representación sindical as melloras necesarias no inmediato.

“Mentres Feijóo se paseaba por Madrid nesa manifestación de orgullo facha, miles de persoas reclamaban en Galicia unha sanidade pública digna”, comezaba Eva Solla a defensa da moción, engadindo que “a realidade é que temos unha sociedade que non aguanta máis os recortes na sanidade pública porque durante todas estas semanas nas que se votou en contra para mellorar as urxencias, se volvían a colapsar os servizos de urxencias deste país”.

Para Solla “a saturación crónica dos servizos de Urxencias resúmese ben na maioría das demandas que escoitamos na praza de Quintana o pasado domingo, non hai persoal suficiente nin en Atención Primaria nin nos hospitais, fronte a un Goberno que está de costas ao persoal de urxencias”.

“Non queremos que neste país ningunha persoa máis vai morrer nun PAC sen ter asistencia sanitaria”, lembrou a parlamentaria de En Marea, que solicita tamén na súa moción que se proceda  á apertura das plantas e alas inoperativas de xeito permanente, dotándoas co persoal necesario para absorber as necesidades de ingresos hospitalarios.

Outra das propostas de En Marea é a elaboración de plans de continxencia reais, que permitan dispoñer de persoal de forma inmediata e que contemplen unha drenaxe dos ingresos áxil “pois o señor Almuiña aínda non soubo aclararnos como se facían os plans de continxencias”.

Ver o vídeo en:

Relacionados