Eva Solla denuncia a precariedade do novo hospital de Vigo

A deputada de AGE Eva Solla denuncia a “instalación da precariedade” no novo hospital de Vigo, ao que estes días están a chegar os primeiros pacientes trasladados doutros centros da área sanitaria. E esa precariedade, expuxo en comparecencia de prensa no Parlamento de Galicia, supón, entre outros asuntos, “un recorte máis que notábel respecto das camas anunciadas inicialmente”. Se en 2011, a Xunta do Partido Popular afirmou que na área sanitaria de Vigo habería 2.000 camas públicas, 1.465 no novo hospital, a realidade é que este apenas chega ás 865, 1.260 no conxunto do complexo hospitalario vigués.

“Non se aumenta o número de camas nunha área tan castigada como a de Vigo, onde medran os traslados de pacientes á sanidade privada”, explicou Solla, quen lembrou como se renovou o opaco e multimillonario concerto do Sergas con Povisa. “É dicir, estanos roubando”. Porque, nesta situación xeral, o novo hospital non contará con todas as prestacións que figuraban no contrato inicial.

A maiores, o aparcadoiro do novo centro será de xestión privada e de pago. Os pacientes e familiares poderán usalo a un prezo de 60 euros o abono mensual. “Descoñecemos o prezo por hora, que será maior, pero estamos diante dun novo imposto á enfermidade”, asegurou a parlamentaria de AGE. Os profesionais do hospital tamén pagarán, no seu caso un abono de 40 euros, o que Solla considera “un recorte máis nos seus salarios”. “Dende a chegada de Feijóo á Xunta, a sanidade xa non é nin universal, nin gratuíta, nin pública”, resumiu.

 

 

 

Relacionados