Ante a “discriminación histórica” que sofre en materia de prestacións sanitarias a poboación do Morrazo, a deputada de En Marea Eva Solla vén de defender esta semana unha iniciativa na Comisión de Sanidade instando á Xunta Galicia a comprometer publicamente orzamento para o centro de saúde de Aldán-O Hío e para “un verdadeiro” Centro de Alta Resolución, iniciando os trámites para a súa licitación na maior brevidade posible.
“Defendo de novo unha iniciativa para que a Xunta garanta orzamento para o centro de saúde de Aldán-O Hío e Centro de Alta Resolución (CAR ou CIS). Non pode ser que levemos agardando polo centro de O Hío dende 2012”, sinalou a deputada.
“A poboación de Cangas leva anos sendo maltratada a nivel sanitario por parte da Xunta. É inexplicable que manténdose a poboación e habendo terreo non se cumpra a promesa electoral de construír o centro de saúde de Aldán-O Hío”, sinala Solla, que incidiu en que O Goberno ten “uns terreos dispoñibles dende 2010” para facer o centro de saúde de Aldán-O Hío e agora a Xunta pide outros terreos “para pechar o actual centro de saúde de Cangas para facer un novo sen especialidades”.
“Primeiro dende AGE e logo dende En Marea, levamos anos a solicitar ao Goberno galego a construcción do centro de saúde de Aldán-O Hío e tamén un centro de alta resolución no concello de Cangas”, explicou Solla, que concretou que “a construción destes centros está sobre a mesa dende fai tempo e ter unha resposta negativa non é admisible, menos con todos os recortes que temos en sanidade”.