A vicepresidenta da Cámara e deputada de En Marea, Eva Solla, vén de reclamar solucións urxentes ás graves carencias que atravesan as os servizos de urxencias dos hospitais galegos e ante as que, a pesar das mobilizacións e folgas impulsadas polo persoal sanitario, a Consellería fai ouvidos xordos. Así o reclamou a deputada Eva Solla, que presentou unha moción na que se instaba “a poñer solución ao déficit de medios humanos e materias que están a sufrir os nomeados servizos no conxunto dos centros hospitalarios galegos”.
Eva Solla denunciou a insensibilidade e a total ausencia de voltade de diálogo da Consellería de Sanidade. Un departamento que “fai augas”, e que en lugar de aportar solucións se empeña en negar o evidente e gravísimo deterioro da asistencia sanitaria. “Falamos de carencias que son transversais ao conxunto do sistema sanitario e que xeran sufrimento ao persoal, que non pode conciliar, que se vé obrigado a facer gardas e horas extra sen alternativa e sentíndose desprezados, porque non hai ninguén na Consellería que escoite as súas demandas”, denuncia a deputada.
A representante de En Marea lembrou o mes de folga que xa leva o servizo de urxencias do CHUS, así como os dous meses que pasaron desde que os PACs comezaron tamén a súa folga reclamando profesionais suficientes para dar unha mellor atención. Unha situación límite que, tal e como destaca Eva Solla, representa “o termómetro da grave situación que atravesa o conxunto da sanidade galega”.
“O incremento das urxencias está moi ligado ao deterioro da atención primaria. Moitos profesionais non poden dar atención a domicilio ante o colapso das consultas nos centros de saúde, con agardas de ata dez días que levan ao consecuente incremento das demandas de atención en PACs e Urxencias”, apunta.
A deputada de En Marea denuncia a “xestión absolutamente nefasta” que o goberno do Partido Popular está realizado da sanidade pública. “A pesar do colapso das urxencias, mantéñense plantas pechadas na Coruña, no Salnés e en Compostela. Abrilas, incrementar a plantilla do sistema sanitario público e cubrir as carencias nos servizos de urxencias é a solución. Tamén elaborar plans funcionais de servizo, e escoitar as demandas dos profesionais”, di Solla, que remata facendo un chamamento á Xunta de Galicia para incrementar os efectivos profesionais nos servizos de urxencias.
Ver vídeo en: