🎥 Solla: “Povisa leva anos ingresando millóns de euros públicos que engordaron as súas contas e que se deixan de investir en sanidade pública”

A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, vén de preguntar na comisión de Sanidade pola situación das traballadoras e traballadores de Povisa e pola negociación entre a empresa e o Goberno galego. Solla denunciou a continua chantaxe e emprego do persoal para seguir a ingresar cartos públicos que van a parar á conta de beneficios da empresa.

“Povisa leva anos ingresando millóns de euros públicos que engordaron as súas contas. Millóns de euros que se deixan de investir na sanidade pública. Pero millóns de euros que nunca foron á parar á mellora das condicións das e dos traballadores de Povisa”, denunciou Eva Solla.

Agora, “unha vez máis, asistimos a outra chantaxe da empresa, rexistrando un preconcurso de acredores e culpando de presuntas perdas ao concerto que mantén co Servizo Galego de Saúde para instar unha negociación onde poder esixir máis recursos públicos”. O persoal, como lembrou Eva Solla, “leva co convenio caducado dende o ano 2010 cando comezaron tamén decenas de despedimentos inxustificados e reducións forzosas das xornadas laborais que levaron a algunhas traballadoras a ver reducido o seu salario ata un 22,5 por cento”.

Ante esta situación, Solla preguntou ao Goberno se pensa solicitar á empresa unha auditoría das súas contas e que valoración fai da situación e a utilización do persoal á hora de esixir máis recursos públicos, pese aos beneficios declarados pola empresa. A deputada de En Marea esixiu á Xunta de Galicia unha solución urxente que acabe coa actual situación na que non só están a perigar moitos postos de traballo senón que se está poñer en risco a asistencia sanitaria de miles de persoas na área sanitaria de Vigo.

Ver o vídeo dende: 

Relacionados