🎥 Solla recrimina ao Goberno galego que non fixera nada respecto a expansión das casas de apostas, “só permitir a ampliación do seu horario”

A deputada do Grupo Común da Esquerda, Eva Solla, vén de recriminar ao PP que non fixera “un proxecto de Lei sobre o xogo e as casas de apostas e, ademais, que permitira a ampliación do seu horario, ao contrario do que teñen que facer para rematar coa súa proliferación”. O Partido Popular votou, no seu momento, en contra da Proposición de Lei presentada pola deputada, argumentando que xa estaban a preparar un Proxecto de Lei desde a Xunta. Porén, non hai aínda novas sobre este Proxecto a pesar da proximidade da fin da lexislatura, o cal Solla recriminou ao vicepresidente da Xunta.

Eva Solla lembrou os “preocupantes datos” que ofrecen as asociacións e colectivos que traballan con persoas ludómanas e exludómanas e que apuntan cara un caso de “epidemia sanitaria”, especialmente entre a mocidade, “xa que en Galicia hai 10.000 menores de idade que apostan”.

A deputada do Grupo Común da Esquerda sinalou que esta grave situación é, en gran parte, “consecuencia da política autonómica que favoreceu a implantación do xogo en Galicia”.

Fixo referencia, nomeadamente, ás actas da Comisión do Xogo, nas que se evidencia que o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, admitiu abertamente que se estaban a impulsar modificacións lexislativas instadas polo sector do xogo. A deputada tamén lembrou que o propio Rueda habilitou en 2016 o incremento de licenzas de máquinas de apostas en Galicia e que Villanueva tamén chegou a apelar á necesidade de instalar máquinas de apostas auxiliares en locais de hostelería.

“Benvido á preocupación pola adicción ao xogo e a saúde dos menores do noso país”, díxolle despois Solla a Rueda tras escoitar a súa resposta. “Estiveron anos facendo todo o contrario ao que recomendan os expertos e dando facilidades ao sector do xogo, e se cambiaron minimamente de rumbo foi porque están vostedes alarmados pola mobilización social”, engadiu a deputada.

Tal cambio de rumbo sería a paralización da concesión de licenzas a casas de apostas ata que non se tivese o borrador da nova Lei, introducida vía Decreto. Porén, o Decreto tiña unha duración de nove meses que xa transcorreron e a Xunta viuse obrigada a amplialo dado que o Proxecto aínda non está listo.

A deputada do Grupo Común da Esquerda acusou o Goberno do PP de “dicir unha cousa e facer outra” e lembrou que durante a tempada de Nadal autorizaron tamén a ampliación do horario de apertura das casas de apostas, facilitando que acudise máis xente durante as vacacións.

Ante a inacción da Xunta de Galicia, dende Esquerda Unida traballamos nunha Lei para controlar e restrinxir a proliferación das casas de apostas, un perigo para a saúde pública da cidadanía.

 

Ver a intervención en:

 

 

Relacionados