A voceira de Sanidade de En Marea, Eva Solla, vén de demandar na Comisión de Sanidade do Parlamento que a Xunta tome medidas ante o deterioro progresivo que se está a producir na asistencia sanitaria na comarca do Salnés, unha situación que “mostra claramente o problema global da atención á saúde en Galicia”. “As deficiencias pasan pola falta de cobertura das ausencias dos profesionais, o aumento da espera para Atención Primaria, o peche de camas no hospital ou o estado precario das infraestruturas e o transporte”, sinalou a deputada.
Eva Solla apuntou que a “non cobertura das baixas e dos permisos dos profesionais, incluso das xubilacións, está producindo problemas obvios nos centros de saúde de Cambados, da Illa de Arousa e do Grove, o que conduce a aumentar as esperas en Atención Primaria”. Isto fai, ao seu xuízo, que nas últimas semanas se acumularan as denuncias dos pacientes. A isto, únese tamén a falta de especialistas en pediatría, unha situación que, ao igual que a anterior, é “produto dos recortes e da mala planificación”.
Por último, Solla considerou que o Conselleiro de Sanidade “debería dimitir hoxe xa que non fixo máis que dar explicacións vacuas nos últimos plenos acerca de por que non está facendo ben o seu traballo”.
Ver dende aquí: