Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) manifesta a súa repulsa pola nova viravolta dos gobernos prisioneiros da troika de Compostela e Madrid no calote das preferentes e esixe que NCG Banco suprima o prazo para solicitar a arbitraxe anunciado onte. Segundo o novo requirimento, explicado por unha entidade agora mesma propiedade do Estado a través do FROB, o vindeiro luns 17 de xuño rematará o tempo para “revisar e aceptar” 21.200 casos de arbitraxe de vítimas das preferentes e as subordinadas. Para AGE, a solución ao roubo organizado pola banca nas denominadas participacións subordinadas e preferentes só pode ser política a través da negociación entre o señor Núñez, Marino Rajoy e o FROB. Porque NCG Banco, arestora, pertence ás arcas públicas e o gasto que implicaría devolver aos aforradores o total das cantidades estafadas non resultaría. Pero isto sería posíbel se o señor Núñez exercese de presidente de Galicia e non de recadeiro da troika e de mandado de Rajoy no seu brutal ataque contra as clases traballadoras.