Soterrameno do tráfico

 

Das impulsivas declaracións do alcalde en cuestións de mobilidade dedúcese que non aprendeu nada dos erros dos anteriores gobernos municipais. Semella que o equipo de Goberno é incapaz de comprender que diante dos grandes problemas é necesaria a reflexión, o diálogo e o consenso para acadar unha solución meditada e planificada que sexa quen de resolver o problema.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes esixe ao Goberno municipal que desenvolva dunha vez un Plan de Mobilidade consensuado coa veciñanza en lugar de propoñer remendos parciais e inconexos como a eliminación do carril bus sen achegar alternativa algunha ou o soterramento do tráfico.

 

Esquerda Unida considera irreal a proposta de soterrar o tráfico anunciada polo alcalde. Non cabe dúbida de que soterrar o tráfico dende O Parrote até Alfonso Molina é unha idea que agradará a meirande parte da veciñanza e de seguro que sería moi beneficiosa para a cidade, mais a realidade dinnos que as arcas municipais non están para desenvolver semellante obra faraónica que ademais non solucionaría o problema de mobilidade da cidade senón que o agacharía. Asemade no hipotético caso de obter os fondos suficientes para a devandita actuación, o seu desenvolvemento hipotecaría a capacidade de actuar en mobilidade nas vindeiras décadas, impedindo realizar as actuacións verdadeiramente necesarias como a construcción de aparcadoiros disuasorios,  ou a mellora da calidade do transporte público colectivo e o seu abaratamento.

 

César Santiso, voceiro de EU-V, indicou que “o irresponsábel anuncio desta obra faraónica demostra as semellanzas entre o actual Goberno do PP e o anterior Goberno bipartito, os poderes públicos deben actuar con prudencia e transmitir a cidadanía os proxectos cando son tanxíbeis, en lugar de achegar meros brindes ao sol de marcado caracter populista”.

 

Santiso sentenciou “Logo deste tipo de anuncios non é de estrañar a pouca credibilidade que desprenden as institucións entre os cidadáns”. 

Relacionados