Soterramento infraestruturas

O grupo municipal de Esquerda Unida quere lembrarlle ao señor Alcalde algunha das promesas electorais no día no que procede á xa tradicional visita aos barrios para presentar o seu plan.

O grupo municipal de Esquerda Unida insta ao Alcalde a dirixirse á Xunta de Galicia para que adopte as medidas necesarias para reducir a contaminación electromagnética soterrando as infraestruturas que así o precisan (Caranza) e desmantelando as que afectan a zonas sensibles (Sta Mariña).

O Diario Oficial de Galicia nº 97, do  xoves 23 de maio deste ano, publica unha Orde da Consellería de Economía e Industria  pola que se convoca unha liña de axudas, que teñen por obxecto  o recuamento e soterramento de infraestruturas eléctricas, na comunidade autónoma de Galicia. Neste senso, cabe lembrar, a permanente demanda da nosa veciñanza, que no transcurso dos anos, leva reclamando que se proceda  ao soterramento de liñas eléctricas aéreas, que se atopan en distintos barrios, como é o caso de Sta. Icía, San Xoan ou Caranza, así como o traslado da subestación eléctrica, radicada no barrio de Santa Mariña.

Xa foron varias as ocasións nas que houbo acordo unánime, para procurar o desmantelamento da subestación eléctrica e o progresivo soterramento das liñas eléctricas sinaladas, pero que, a pesar das xestións realizadas,  seguen no mesmo lugar. Para Esquerda Unida, pese a que a cantidade orzamentada para estas actuacións é manifestamente insuficiente e os prazos practicamente inasumibles, sen embargo, insta ao Concello a realizar as xestións oportunas a fin de saldar unha débeda contraída hai tempo coa cidadanía de Ferrol.

No preámbulo de devandita Orde, lémbrase que a existencia de liñas e outras instalación eléctricas aéreas, de alta ou baixa tensión,  en zonas poboadas, teñen xerado unha crecente preocupación social, polo seu impacto ambiental e repercusións sobre a seguranza pública, ou de posible risco para a saúde, que afectan a calidade de vida da cidadanía.

Esta convocatoria, que remata o 23 de xuño, é unha oportunidade para impulsar un tema recurrente na axenda das distintas corporacións municipais, que aínda esta pendente de solución.

Quixéramos recordarlle que, tal e como sinalou o grupo parlamentar de AGE o pasado mes de abril no Parlamento, afastar as fontes de contaminación electromagnética de determinados espazos ou soterrar ou recuar as infraestruturas eléctricas é unha aspiración aínda non cumprida. Na intervención parlamentar a propósito deste tema púñase como exemplo o emprazamento da subestación de Santa Mariña e as liñas de alta tensión de Caranza ou mesmo de Santa Icía en Narón pero limítrofe con Ferrol. A existencia de liñas e outras instalacións eléctricas aéreas de alta e baixa tensión, así como subestacións e outras infraestruturas nestas zonas poboadas xera unha crecente preocupación social polo seu impacto ambiental e, sobre todo, pola seguridade e saúde pública, aspectos que afectan a calidade dos cidadáns.

Hai goberno amigo, o do Parador foi “sen querer”, realmente hai capacidade de negociación e xestión, a pesar dos floteles, téñenlle un gran respecto en Compostela e, se é necesario, chégase a Madrid, e hai remanente de tesourería, logo, non hai que pensalo máis: a próxima visita aos barrios que sexa cos deberes cumpridos.

 

Relacionados