Soterramento tráfico Mariña

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os verdes considera a ampliación do soterramento do tráfico pola Avda. da Mariña e Alférez Provisional unha actuación insostible económica, social e medioambientlamente. Unha actuación que suporá un gasto de 18 millóns de euros e que non responde a ningunha necesidade relevante da cidadanía coruñesa. Con esta actuación o goberno local demostra que non é capaz de desenvolver iniciativas afastadas do caduco modelo do ladrillo e o formigón, apesares do demostrado fracaso da aposta publica por infraestruturas non relacionadas co tecido produtivo, xa que non son rendibles en termos de creación de emprego.

Esquerda Unida acusa ao goberno municipal de endebedar a cidade e levala a ruína con obras faraónicas e innecesarias. Entre o soterramento do tráfico do Parrote e o da Mariña e Alférez Provisional o concello gastará máis do equivalente a o 10% do orzamento municipal nunha actuación que nin reactivará a economía local, nin creará emprego na nosa cidade, senón que simplemente mellorará a conta de resultados dunha empresa amiga. O PP, con esta actuación, renuncia definitivamente a promover o cambio do modelo produtivo, condenando a cidade á mediocridade e á pobreza.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que ”coa situación económica actual e coas alarmantes previsións futuras, so os irresponsables e arrogantes poden perseverar na intención de malgastar millonadas en soterrar o tráfico, cando máis de 24.000 coruñeses e coruñesas están no paro e o 25% da poboación atópase en risco de exclusión social”.

César Santiso salientou “o sr. Negreira está a demostrar que non goberna para as familias traballadoras coruñesas, senón que o fai para os seus amigos e os priviliexiados, amosando con claridade a súa incapacidade e falta de ideas o que ven acreditarlle como  un mal político e peor estadista, porque o que diferenza aos bos xestores públicos á a súa capacidade para priorizar a acción de goberno. Está claro que o soterramento do tráfico nin é unha prioridade, nin é unha necesidade, nin resolve os problemas de tráfico e contaminación, mais ben é un sono de grandeza  dun alcalde que sabe que so lle quedan dous anos de mandato e que non será reelixido”.

Relacionados