Subcontratas na sanidade

Alternativa Galega de Esquerda esixe a Sanidade que impida os recortes de dereitos laborais das traballadoras da limpeza hospitalaria.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) quere que a Consellaría de Sanidade impida ás subcontratas encargadas da limpeza dos hospitais rebaixar as condicións laborais das traballadoras e traballadores. E faino xusto agora porque a empresa Clece, SA, responsábel dese servizo no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (Chus), pretende rebaixar os dereitos das súa empregadas. “Queren dinamitar unha conquista histórica do sector, a equiparación en dereitos e responsabilidades do persoal de limpeza co persoal ao servizo da Administración da súa mesma categoría”, expoñen os comités de empresas dos centros do Sergas que contratan a Clece en Santiago de Compostela e dos que fan parte os sindicatos CIG, CUT, CC OO e UGT.

A deputada de Alternativa, Eva Solla, presentou unha proposición non de lei para instar á Consellería de Sanidade a que “non permita que a subcontrata Clece, SA, ou calquera outra, recorte os dereitos laborais das traballadoras e traballadores mentres continúa a se lucrar con cartos públicos”. Porque, ademais, o Orzamento público que a Xunta destina á contrata non diminiu. “A limpeza dos centros sanitarios é un asunto do que depende a salubridade e control de certas infeccións”, conclúe Solla, “e o Goberno non se pode desentender das condicións laborais das empresas que subcontrata”.

Relacionados