Subministro eléctrico

O deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Antón Sánchez defenderá no pleno parlamentario da vindeira semana unha proposición non de lei (pnl, no documento anexo) para esixir da Xunta “a revisión ou extinción do contrato de subministro eléctrico de Sogama con Unión Fenosa, por ser claramente lesivo para o interese público”. Sánchez explicou, esta maña en rolda de prensa no Parlamento de Galicia, que o actual modelo de xestión de residuos ten como único obxectivo beneficiar a Gas Natural-Unión Fenosa. “Canto máis lixo se incinere, máis electricidade vende Fenosa, adxudicataria do contrato para o consumo propio de electricidade”, afirmou o deputado de AGE, “o sistema é ‘canto peor, mellor para Fenosa”. Nas actuais circunstancias, “Sogama é unha empresa pública ao servizo de Fenosa”.

O expediente de contratación de Fenosa foi autorizado en 2011 pola Xunta de Núñez Feijóo. “Ao comezo, a electricidade producida na planta era para autoconsumo da propia planta”, expuxo Sánchez, “mais por unha decisión política admitiuse a venda desa enerxía”. Esta autorización e a reforma enerxética de Mariano Rajoy foron as causantes da suba do canon do lixo.

Para Alternativa Galega de Esquerda, o problema de Sogama é de fondo. Alén de orientar a xestión de residuos ao negocio dunha empresa privada concreta –Gas Natural Unión Fenosa-, o problema é o modelo. “Un sistema que non prima nin a reutilización nin a reciclaxe nin a redución, senón a incineración, é aberrante, non existe en ningún lugar de Europa”, denunciou o parlamentario de AGE, antes de lle lembrar ao presidente de Sogama –Luis Lamas, do PP- que preside “unha empresa pública, de todas as galegas e galegos, así que non pode comportarse como un hooligan do Partido Popular”.

Relacionados