Subvención soterramento liñas

 

Esquerda Unida preguntoulle o Goberno se a nosa cidade presentou peticións de subvención á Xunta de Galicia,  ao traverso da Consellaría de Economía e Industria, para acometer o sosterramento dos tendidos eléctricos que aínda restan na nosa cidade. Semella inconcebible que o Goberno deixara pasar tamén esta ocasión.

 

Xunto con isto, Esquerda Unida tórnalle a preguntar ao Goberno Municipal que traballos e peticións de axudas se formularon diante da Xunta e de Fenosa para proceder ao traslado  da subestación eléctrica de Santa Mariña, demanda histórica da veciñanza da zona.  Froito da demanda cidadá para soterrar as liñas, creouse a Asociación Palat ( Plataforma de Liñas de Alta Tensión ) integrada por veciñas e veciños dos concellos de Ferrol, en Santa Mariña, e de Narón, no ámbito da Solaina.

 

Esquerda Unida lembra os riscos derivados da contaminación electromagnética, que ten nas liñas de alta tensión e nas subestacións eléctricas un dos seus principais causantes. Sucesivas declaracións internacionais ( dende Viena, 1998, até Benevento en 2006 ) amosan e inciden nos riscos asociados á exposición desta contaminación, o que ten levado á declaración internacional que fai do 24 de xuño o Día Internacional contra a Contaminación Electromagnética.

 

Esquerda Unida lémbralle ao Goberno Municipal que o Pleno do concello aprobou unha moción para comezar as accións necesarias para producir o traslado da subestación de Santa Mariña a finais de 2008. Até o de agora, nada se fixo agás o fume das verbas desprovistas de traballo. Xa que logo, Esquerda Unida denuncia esta pasividade do Goberno Municipal, que non deixa de repercutir negativamente na calidade de vida da veciñanza, na súa seguridade e quizabes na saúde pública, e reclama do Goberno unha acción rápida e decidida para conquerir o traslado da subestación.

Relacionados