Subvencións tranporte público

 

Esquerda Unida considera lamentábel que a Compañía de Tranvías se lucre grazas ás axudas públicas. A empresa ten adxudicado a concesión do servizo na nosa cidade ata o 2023 a través dun contrato asinado polo PSOE en 1986 que é francamente lesivo para as arcas do Concello e, xa que logo, para os intereses da veciñanza, pois mentres a empresa obtén 3,2 millóns de beneficios no último exercicio, o Concello subvenciona as tarifas sociais con 7,2 millóns, tarifas que favorecen o uso e, xa que logo, a conta de resultados da concesionaria.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes propón que o Concello utilice as axudas do Estado para incentivar o uso do transporte público colectivo e fomentar a utilización dunha flota de buses máis ecolóxicos. Por iso aposta pola tarifa única progresiva para abaratar e incentivar o uso do transporte público colectivo. A idea consiste en que os usuarios paguen a tarifa no primeiro traxecto do día, tarifa cuxo importe variará en función do poder adquisitivo da unidade familiar, pagando posteriormente en cada un dos transbordos diarios tan só un 10% da tarifa inicial. Esta medida permitirá que o transporte público colectivo sexa rendíbel economicamente, favorecendo o seu uso masivo en detrimento da utilización dos vehículos privados a motor. Non podemos esquecer que as tarifas do bus urbano na Coruña son das máis elevadas do Estado, mentres o nivel de satisfacción dos usuarios coruñeses e dos máis baixos como amosan as enquisas. 

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “os membros da corporación non podemos permanecer de brazos cruzados diante deste espolio, temos que modificar o lesivo convenio asinado na etapa Vazquista. Si as condicións pactadas eran inaceptábeis para os intereses dos coruñeses e coruñesas, agora coa crise son inmorais. As condicións económicas-financeiras variaron enormemente e en tempos difíciles as empresas concesionarias, aínda que sexan privadas, deben arrimar a ombreira como subministradoras de servizos públicos.

 

César Santiso fixo estas declaracións logo de lembrar que en decembro do ano pasado o seu grupo municipal presentou unha moción na procura de acadar un acordo plenario que permitira ao Goberno municipal renegociar a baixa as condicións do dito contrato e os concelleiros do PP votaron en bloque contra a dita iniciativa.

 

Relacionados