Accidentes por estradas sucias

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes lembra que no Pleno de outubro presentou unha moción para adoptar as medidas correctoras necesarias para evitar os accidentes derivados da combinación de choiva e sucidade nas estradas e o PP votou en contra, a pesares que o propio concelleiro de medio ambiente, Salvador Fernández, no debate da dita moción recoñeceu que “a choiva mesturada coa sucidade na calzada é un motivo máis de risco para producir accidentes”.

 

A dita moción presentouse como consecuencia dos múltiples accidentes acontecidos o 28 de setembro, primeiro día das habituais choivas intensas do outono, algo que se repite, agora, seis meses despois, xa que logo, Esquerda Unida denuncia que os múltiples accidentes acontecidos onte demostran a inacción do Goberno municipal en canto á limpeza das estradas. Este tipo de accidentes son unha constante na nosa cidade nos primeiros días de choiva logo dunha tempada de seca, debido a mestura da auga da choiva coa sucidade acumulada nas estradas que forma unha película deslizante que fixo imposíbel o control dalgúns vehículos por parte dos seus condutores.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “aínda que o mantemento da Avda. Alfonso Molina corresponde ao Ministerio de Fomento, o Concello mantén protocolos de cooperación e ten a obriga de garantir a seguridade da veciñanza”.

 

César Santiso indicou que “aínda que este é un problema que se repite ano tras ano e que pon en perigo a integridade dos condutores coruñeses e que o Concello debería actuar de urxencia a realidade indica que todo sigue igual transcorridos seis meses a pesares que o propio concelleiro, en Pleno, comprometeuse a facer un seguimento exhaustivo do plan de limpeza, redactando ou reorganizando se fora preciso as rutas segundo as incidencias e necesidades circunstanciais”.

Relacionados