Dende a executiva nacional de Esquerda Unida sabemos que a transformación que vén da esquerda está inspirada na democracia participativa e no poder decisorio da cidadanía, que debe recuperar a ética como goberno da res publica.
Neste sentido, a coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, chama ás forzas da esquerda “para traballar xuntas dende espazos de confluencia” co fin de “sacar ás mafias dos nosos concellos e pular pola erradicación da corrupción e das prácticas clientelares que se dan nos nosos concellos, recuperando a xestión do público para a xente de ben”.
A democracia participativa é a mellor ferramenta para transformar os nosos concellos desde unha visión ética da man dunha cidadanía crítica e protagonista. Os concellos en que estea presente Esquerda Unida revisarán a normativa municipal para que sexa actualizada conforme aos principios da redistribución da riqueza, da xustiza social e da equidade.