Suma de forzas para o cambio

Coa idea dunha construción sólida da unidade popular, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, incidiu hoxe en Santiago que “hai que elixir entre as candidaturas do pobo en contra das oligarquías financeiras que gobernan este país, xa que unidos somos capaces de facelo”. Díaz tamén avogou pola “incorporación de políticas de democracia directa nos municipios e o rescate dos servizos públicos centrais, concretamente os centrados nuns servizos sociais públicos, universais e inclusivos”.

Para a coordinadora nacional de Esquerda Unida,  “o réxime teme aos actos da cidadanía”, é por iso que precisamente esa cidadanía “ten que acudir masivamente ás candidaturas de unidade que a representan, determinantes para gobernar as vilas, para defendernos contra os recortes e a corrupción e para botar aos corruptos”. Neste senso, Díaz nomeou os problemas que afectan directamente á xente, tales como o paro, os  desafiuzamentos, os nenos e nenas que non poden ter un mínimo de tres comidas ao dia, “as mulleres que somos dobremente vítimas dos recortes”, etc. Agora, “esta é a xente que ten que loitar polos seus dereitos e contra os recortes, construíndo un programa para mudar as cousas”.

Pola súa banda, Lara Hernández, responsable federal de Converxencia de IU, valorou “moi positivamente” o evento das mareas que tivo lugar onte en A Coruña, “que demostra que o traballo dos partidos xa se comeza a materializar en nomes e apelidos; demostrando que o proxecto ten validez, é sólido e une ás candidaturas feitas dende abaixo, por e para a cidadanía”.

“As forzas políticas alternativas ao réxime soubemos diagnosticar e analizar o momento de emerxencia social que estamos a vivir por unhas políticas que aceleran a fame, a pobreza, a vontade de relegar á muller ao ámbito doméstico ou a falta de oportunidades que teñen os mozos e mozas. Nestas condicións non é posible ter un presente e, moito menos, un futuro”. Por iso, “éramos conscientes de que era o momento de poñer en marcha candidaturas populares concretas para a rexeneración democrática”. Respecto a isto, “esta é unha campaña de estudantes, traballadores e traballadoras afectados polos recortes, dos homes e mulleres comúns que viven nun sistema que non garante uns mínimos á poboación”.

 

Relacionados