Supresión do COF do Ventorrillo

Esquerda unida presenta a través do grupo parlamentar de AGE unha batería de iniciativas en relación coa situación dos COF a instancias do grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes na Coruña. A dita iniciativa consiste nunha pregunta oral diante da comisión e outra diante do Pleno, así como unha interpelación:

Concretamente a interpelación consisten nunha batería de tres preguntas:

Que medidas en materia de provisión de recursos económicos e plantilla contempla achegar o goberno da Xunta para este exercicio 2013.

Como avalía o peche dun dos COF da Coruña e que medidas alternativas vai executar  para garantir unha atención semellante ás máis de 152.000 usuarias da área de referencia?

Non considera necesario achegar un plan galego de fortalecemento da atención sanitaria pública en materia de saúde sexual e reprodutiva?

Mentres que as preguntas orais, tanto diante da comisión como do Pleno, indica:

Que medidas vai desenvolver o goberno da Xunta de Galicia para garantir as mesmas ráteos, facultativos e a prestación do servizo público en materia de saúde sexual e reprodutiva ás cidadás da área de influencia dos centros COF de A Coruña?

César Santiso, indicou que “os recortes da Xunta nos COF son a demostración de que os recortes en sanidade matan, pois provocan un considerable atraso das revisións xinecolóxicas o que incrementa a posibilidade de cancros de mama e xinecolóxicos”, un recorte que Santiso interpretou como ideolóxico porque a decisión do Sergas de non repoñer a praza do xinecólogo do COF do Ventorrillo que se xubilou e a intención de unificar co de Orillamar, non ten apenas impacto económico máis aló do salario dun xinecólogo, con todo o prexuizo que se fai a sanidade pública e a cidadanía é enorme.

A coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz, salienta que “a supresión do COF do Ventorrillo é un recorte ideolóxico e supón un ataque gravísimo en particular aos dereitos das mulleres, porque a Xunta está a precarizar as políticas públicas en materia de saúde sexual e reprodutiva”.

Yolanda Díaz chamou a atención na conexión profunda que subxace  entre a ideoloxía machista e patriarcal do PP e  as súas disposións orzamentarias conducentes a afogar aos Centros de Orientación Familiar.  Por iso preguntouse se o goberno da Xunta de Galicia ten algún problema de conciencia, algunha reserva mental, cos servizos  que se prestan nas unidades de orientación familiar. Quizabes incomódelle ao criptoconfesionalismo do PP que se proporcionen servizos xerais en materia de anticoncepción, saúde sexual e reprodutiva, interrupción voluntaria do embarazo, pilula postcoital, etc,. Quizabes resulte inaceptable para o PP a actual legalidade en materia de sanidade pública. Incumprila na práctica semella inaceptable. Porque tales servizos forman parte do catálogo de dereitos aos que a cidadanía galega ten dereito, gústelle ou non ao actual goberno da Xunta.

Galicia posúe unha rede de Centros de Orientación familiar necesitados de ampliación e fornecemento, isto é, o contrario do que provocan as políticas públicas da Xunta en materia de saúde sexual e reprodutiva requiren dunha planificación integral no país galego, que permita repostar as necesidades e retos que unha cidadanía que se quer libre precisa nese eido. A infradotación económica e en materia de persoal nos COF galegos esixe unha reacción da  Xunta  de xeito que se formule unha ollada integral e progresiva (non parcial e retrógrada como é o caso) ao servizo da nosa cidadanía.

A situación dos COF de A Coruña fai saltar as alarmas, a situación que se crea con este ataque aos servizos públicos  dificulta en extremo o exercicio dos dereitos en materia de saúde nas temáticas referidas, toda vez que restan dous profesionais da xinecoloxía para atender cada seu a 80.000 mulleres. Metres as ráteos recomendadas polos organismos internacionais sitúan a necesidade dunha unidade asistencial  por cada 25.000/40.000 mulleres entre 13-54 anos, a realidade dos datos do Instituto Galego de Estatística delatan que o centro do Ventorrillo viña atendendo a unha poboación dunhas 61.000 mulleres de idades comprendidas entre os 15 e os 54 anos; e o outro centro de A Coruña asiste a preto de 91.000 mulleres. Semella evidente a saturación destes centros que logo do recorte da Xunta dispón de dous únicas unidades de atención e nos preguntamos polas consecuencias en materia de saúde pública sexual e reprodutiva para as mulleres galegas nomeadamente.

 

 

 

 

Relacionados