g6p10f21.jpg - 12.88 Kb

Suspensión obras Praza España

 

Diante da suspensión de pagos da empresa adxudicataria das obras de peche da superficie na Praza de España, Esquerda Unida considera unha mágoa que coñezamos desta nova polos medios, sen que o Goberno Municipal se poña en contacto cos Grupos Municipais para darlles unha información completa e de primeira man  sobre un asunto da meirande relevancia para a nosa cidadanía. Falla a transparencia e a axilidade do Goberno, como case sempre.

 

Cidadanía que ven sufrindo o mal facer de dúas corporacións: primeiro a xestión BNG-PSOE e logo o Goberno PP-IF. Somentes Esquerda Unida resulta allea as desfeitas cometidas na Praza de España, mantendo sempre a máis firme colaboración para dar respostas posibles e progresivas neste eido, caso da nosa posición decisiva para que non se edificara un edificio na praza, ou na recualificación das condicións para o centro deportivo no subsolo, ou na demanda de utilización social dos inmobles de planta baixa da praza.

 

Esquerda Unida vén reclamando nas mesas de contratación que se extremen os mecanismos para verificar a solvencia das empresas que resultan adxudicatarias das obras públicas de responsabilidade municipal. Lamentablemente non foron tidas en conta polos responsables municipais.

 

Queremos lembrar que o remate das obras sufriu até o de agora varios atrasos, que desmentían as previsións do propio Goberno Municipal, que non foi quen de garantir que a empresa cumprira os prazos. Esta última nova, a suspensión de pagos, supón un suspenso sen data para o remate das obras, a pesar de que se vaia traballar nela até esgotar os materiais de obra. As obras con todo non se rematarán en marzo e quizabes tampouco antes das vindeiras eleccións, o que non deixa en bo lugar, unha vez máis, o quefacer do Goberno Municipal.

Relacionados