Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esixe á Xunta do señor Núñez que se mova dunha vez para salvar o emprego na fábrica ourensá de paneis solares T-Solar. Para o deputado de AGE David Fernández Calviño, o Goberno do PP “debe estudar en serio as ofertas existentes para se facer con T-Solar e informar aos traballadores”. O grupo parlamentario denuncia que a comisión negociadora para a venda da compañía, da quen fan parte Xunta, operarios e a administración concursal, non se reuniu nin unha soa vez. “Mentres, hai ofertas de investidores estranxeiros e a Xunta cala a boca”, critica Fernández Calviño.
En T-Solar traballaban 170 empregados. O ERE de extinción, aprobado en maio e formalizado a semana pasada, deitounos a todos no paro. Onte iniciaron un peche nas dependencias da empresa e esta mañá o parlamentario de Alternativa acudiu ao lugar solidarizarse cos afectados. “A Xunta, como principal acredor, debe moverse e facer por salvar a compañía”, expón Fernández Calviño, “e conservar os postos de traballo. Ou que queren, eliminar todo e que unicamente se poida traballar nas minas a ceo aberto?”.