T-Solar: corrupción e especulación

Dende Esquerda Unida cremos que non é suficiente  esixir a devolución das subvencións, ou reclamar unha maior implicación da Xunta nas negociacións cos propietarios e os administradores concursais. A solución pode non estar na simple elección duhna boa oferta de compra.

As empresas que opten á compra de T-Solar terán que afrontar parte dos problemas que provocaron o peche da empresa: a competencia internacional nun período de constante redución de custos de produción,  e a baixa demanda polo freo ás subvencións ás fotovoltaicas imposto polo goberno do PP. Sabemos que un factor decisivo neste conflito é que grupo Isolux  decidiu cambiar a súa liña de negocio, debido á perda de subvencións, orientándoa  aos hortos solares e abandoando a produción de paneis, rendible, pero menos lucrativo a curto prazo.

Poderíamos resumir a situación dicindo que o problema de T-Solar é resultado  dunha táctica empresarial  especulativa e corrupta, pero tamén duha política enerxética irresponsable e orientada exclusivamente a favorecer ao oligopolio eléctrico español. O goberno do PP, defensor dos intereses das grandes empresas  eléctricas fai o posible por  impedir a viabilidade das instalacións de renovables, xa que o seu desenvolvemento  fomenta  a  xeración distribuída (na que poden participar pymes, cooperativas, municipios ou cidadáns), facendo perder cota de mercado ás grandes produtoras interesadas na distribución centralizada.

De pouco serve que a enerxía fotovoltaica compita xa co resto dos sistemas de xeración, que  a UE impoña aranceis ás importacións de paneis dende China, ou que a tecnoloxía utilizada  e a cualificación  dos/as traballadoras/es  sexan de moi alto nivel se o goberno se empeña en impedir  a súa implantación co deseño dun marco regulatorio ineficaz e inxusto,

Para Esquerda Unida, a enerxía é un sector estratéxico e, como tal, cremos que a súa xestión debe ser pública. Reiteramos a nosa proposta de que debe ser a Xunta de Galicia a que, como acredora,  recupere a  factoría  de T-Solar e a xestione directamente. O Goberno galego non pode permitir a  perda de  traballos cualificados e dunhas instalacións de tecnoloxía punteira nun sector produtivo que será moi pronto esencial para garantir a nosa soberanía enerxética. Nesta conxuntura de parada provisional das primas  ás renovables, a  propia Xunta pode garantir a demanda de paneis solares mediante a súa instalación nos edificios públicos, ou a promoción de alumeado sustentable no rural, entre outras medidas.

Debemos ter en conta que a xestión pública evita os movementos especulativos a curto prazo, ao buscar os beneficios sociais sen priorizar  os resultados económicos  inmediatos,  xerando estabilidade no desenvolvemento dos proxectos. O feito de contar cunha capacidade de fabricación de placas tan importante, podería promover, cunha lexislación axeitada, o desenvolvemento de actividades asociadas, como a instalación e mantemento de plantas solares ou adaptación das redes eléctricas a un novo sistema máis descentralizado.

 

As solucións que EU propón para afrontar os conflitos laborais e económicos do sector enerxético a nivel local e nacional, están pensadas tendo moi en conta os enormes problemas globais de máis longo alcance: a nosa dependencia dos combustibles fósiles e o ameazante cambio climático xerado polas emisións de CO2. Insistimos en que cambio de modelo enerxético é inaplazable, e seguiremos loitando por  defender e promover os proxectos que vaian nesta dirección.

Relacionados