Teatro Colón

 

De todos é sabido que o PP prioriza o privado diante do público e que a súa política baséase na privatización dos servizos públicos, ben directamente ou ben vía externalización que non deixa de ser unha privatización encuberta. Máis sorprende que avalen ese tipo de políticas aqueles que se din de esquerdas e se fan chamar socialistas.

 

Esquerda Unida afirma que o apoio dado polo PSOE para que o PP privatice a xestión do teatro Colón amosa a coincidencia de ambos os dous partidos en canto a políticas neoliberais.

 

Non debemos esquecer que a orixe desta situación xurde das erróneas políticas de bancarización das caixas, defendidas tanto polo PP como polo PSOE. Pois as caixas convertidas en bancos privados xa non teñen a obriga de reverter unha parte dos seus beneficios en obra social, motivo polo cal NovaGalicia Banco non quere manter a xestión do teatro Colón, porque a realización dunha programación cultural de calidade a prezos públicos non é rendíbel en termos económicos. Motivo que nos leva a supoñer que a nova empresa que xestione o Colón abandonará os espectáculos a prezos accesíbeis para todos e todas, para converter un espazo público en elitista onde tan so unha pequena parte da cidadanía terá acceso.

 

O consello comarcal de EU apostaba por unha xestión pública para que a cidadanía gozase de espectáculos de calidade a prezos reducidos baseada nun convenio entre Deputación e Concello da Coruña e axudas económicas da consellería de cultura da Xunta de Galicia. Así a Deputación cedería as instalacións, faríase cargo dos custes de mantemento, o Concello realizaría a Xestión a través do IMCE sen investimento económico e a Xunta axudaría a Deputación económicamente.

 

O coordinador comarcal de EU, César Santiso, indicou que “resulta lamentábel que a Deputación ceda a unha empresa privada un patrimonio que custou 13 millóns de euros e aínda por riba a agasalle con 300.000 €”.

Relacionados