Taxa polo uso das estradas

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2013.- Uns artigos (31 e 34) agochados no proxecto de lei de estradas, arestora en tramitación e facturado pola Consellaría de Medio Ambiente e Infraestruturas, permitirá á Xunta o cobro de taxas e peaxes polo uso de estradas e autovías. O propio Consello Económico e Social criticou esta posibilidade e fixo constar, no seu informe sobre a norma, “a inoportunidade da introdución ou consolidación de novas cargas, xa que leva canda si un forte prexuízo para a cidadanía e para sectores empresariais como o do transporte, cun incremento de custos insostible”. Mesmo o responsábel de Infraestruturas, Agustín Hernández, negara a aplicación desta medida. E, porén, denuncia o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Antón Sánchez, o artigo non decaeu do proxecto de lei.

É máis, unha disposición (a adicional segunda e do artigo 34.3) prevé a creación dunha “axencia pública ou organismo autónomo” que asuma a xestión da rede de estradas de Galicia. Isto, engade Sánchez, suporía “un aínda menor control parlamentario dos labores do Goberno sobre estas infraestruturas”. Para Alternativa Galega de Esquerda, e así o esixirá cando se debata o proxecto de lei en sede parlamentaria, a única saída razoábel é que o PP retire estes artigos da norma e se comprometa a non estabelecer taxas nin peaxes polo uso de estradas e autovías.

 

Relacionados