ron.png - 18.05 Kb

Tan flexible…que rachou

 

Por obra e graza dunha ben orquestrada campaña manipuladora dos axentes neoliberais, a flexibilidade introduciuse nas directrices dos gobernos estatais e nacionais como solución aos problemas do mundo do traballo, pero, en verdade, na súa tipoloxía viven tosas as prácticas empresariais que conculcan os dereitos da clase traballadora.

 

Segundo a OCDE, existen 5 tipos de flexibilidade: 1) Numérica externa; 2) Externalización; 3) Numérica interna; 4) Funcional e 5) Salarial. A estas R. Munck, Globalización y trabajo. La nueva «Gran Transformación» (El Viejo Topo, 2008) engádelle a 6) flexibilidade espacial ou xeográfica.

 

Que representan estes tipos de flexibilidade? 1) A adaptación do número de empregados e empregadas ás necesidades da patronal. Entre outras modalidades fai alusión aos contratos por obras, ao contrato temporal. A temporalidade afecta principalmente ás mulleres e á mocidade. Impide a estabilidade dun proxecto de vida e debilita a calidade de vida. 2) Externalizar é subcontratar. É o pan de cada día e vemos como a clase traballadora acaba cobrando menos polas estratexias de contratistas e subcontratistas que, para poder optar a facerse co “encargo” e responder ás esixenzas de tempos marcados, “forzan” a nómina e o salario de traballadores e traballadoras. 3) Refírese ao alongamento da xornada laboral. Logo, operación de maquillaxe, os desgobernadores inventan o concepto de conciliación familiar e laboral. Pero, a verdadeira clave está na redución da xornada laboral. (Só Esquerda Unida loita polas 35 horas semanais como reparto do traballo). Cantas máis horas traballemos, máis grao de explotación laboral se xera: sobre unha xornada de 8h-10h, o valor creado polo traballo é superior ao valor da forza de traballo que o leva a cabo (4h-5h), polo que a patronal benefíciase dun plusvalor dunhas 4h-5h que non repercuten nun aumento do salario, nin nun reparto dos beneficios. Como demostra D. Guerrero, (2006), La explotación. Trabajo y capital en España (1954-2001) (El Viejo Topo, 2006), non hai equivalencia entre o salario que paga a patronal e o beneficio real xerado por traballadores e traballadoras. 4) Refírese aos despidos en base ás necesidades da patronal que, agora, coa reforma laboral aprobada, adquire un valor de profecía económica. É a perversión do sistema. Grandes empresas que obteñen enormes beneficios regulan plantilla despedindo traballadores e traballadoras. É a chave do medo que se desexa instalar na clase traballadora. Hoxe, ese medo tradúcese nunha chantaxe en base a unha “ameaza de deslocalización” e no establecemento dun ERE. Os ERE’s de hoxe son o despido legalizado de mañá. E ante esa circunstancia só cabe a loita sindical e obreira e tamén a loita político-social. 5) Os parámetros anteriores agrúpanse para condicionar o salario do traballador ou traballadora, que tamén se verá sometido á “flexibilidade”. 6) A flexibilidade espacial apela á famosa mobilidade. A clase asalariada ten que estar a disposición da patronal. Ter dispoñibilidade para desprazarse onde sexa necesario. Está na base do aumento de tráfico rodado, de accidentes de circulación, e da contaminación acústica e medioambiental.

 

Non hai caricaturas: a precariedade, a temporalidade, a externalización, as xornadas laborais extenuantes, os baixos salarios, os medos a perder o traballo, a mobilidade son características do traballo que hoxe realizamos. Son froito da aplicación das consignas neoliberais.  Son os condimentos da reforma laboral aprobada polo social-liberalismo do goberno ZP e que tanta ledicia producen na dereita (por moito que finxan). Non queda máis remedio que frear a ofensiva neolberal. As folgas xerais anteriores serviron para facer rectificar as decisións contrarias á clase traballadora. A Folga Xeral do 29 de setembro de 2010 debe conducir a unha eliminación desta nefasta reforma laboral. Loxicamente, só sería un primeiro paso que nos debera conducir, necesariamente, ao camiño da transformación do modelo produtivo, a unha nova filosofía do traballo e a unha participación de traballadores e traballadoras nas decisións das empresas.

Relacionados