Santiago de Compostela, 6 xuño de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda denuncia a clara aposta do Partido Popular por instaurar a posibilidade de impoñer taxas en todas as estradas galegas e pola colaboración publico/privada para o financiamento das infraestruturas. Esta posición quedou de manifesto na comisión parlamentar desta mañá onde o grupo popular optou por defender un modelo que beneficia ás grandes construtoras socializando os custes a través da imposición xeral de taxas á cidadanía.
A creación dunha taxa pola utilización das estradas é unha novidade xa que non se contempla na anterior Lei 4/1994 de Estradas de Galicia tal e como destacou o deputado de AGE, Antón Sánchez que sinalou como “exemplo do seu modelo o xa ensaiado por Esperanza Aguirre nas estradas madrileñas, cun buraco de preto de 4.000 millóns de euros que haberá que rescatar cos cartos de todos e todas as cidadáns”. Trátase dunha “dación en pago para as empresas, dación en pago que se lle nega ás persoas desafiuzadas” denunciou Antón Sánchez.
Alternativa Galega de Esquerda defendeu a través das súas enmendas o financiamento público das estradas e pola gratuidade do seu uso. Así mesmo, o grupo parlamentar defende que o medio ambiente e a seguridade viaria teña un lugar relevante na lei mentres que o Partido Popular non introduce medidas específicas nestes aspectos impoñendo o seu rolete parlamentar para impor un texto que procura o beneficio de construtoras a costa da maioría social. A Xunta de Alberto Núñez Feijoo semella estar máis preocupado por buscar novos nichos de negocio para as empresas privadas e nesta liña enmarcase este proxecto de lei de estradas, un “mal negocio para as arcas públicas e bo negocio para as construtoras que obterán uns fabulosos beneficios mentres as arcas públicas quedan hipotecadas durante décadas”. Un “gran roubo” en que compañías privadas expropian os fondos de todas as galegas e galegos a cambio de nada e que continúa a estratexia marcada polo PP que o único que procura é que se pague por todo, pola auga, polas estradas, polos comedores escolares..





